Diálogo «Pornografía e igualdade» con Chis Oliveira, Amada Traba e Pepe Cabido
- Data
- Luns, 9 de marzo de 2026
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Esta conferencia transmitirase en directo a través da páxina web do Ateneo www.ateneodesantiago.gal e a canle de Youtube Ateneo de Santiago
O luns, 9 de marzo, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, un diálogo para conmemorar o Día da Muller, titulado «Pornografía e igualdade», que contará coa participación de Chis Oliveira, Doutora en Filosofía e Ciencias da Educación, e Amada Traba, Licenciada en Socioloxía, e estará moderado por Pepe Cabido, Licenciado en Filosofía.
Chis Oliveira, Catedrática de Filosofía e Doutora en Educación Afectivo-Sexual, foi profesora en diferentes másteres de xénero, Presidenta da ONG Federación de Planificación Familiar de España, impulsora do Comando Igualdade e unha das fundadoras de Enxergo e Nexos de Didáctica da Filosofía. Referente na educación con perspectiva de xénero, foi galardoada cos Premios Educación e Sociedade, Premio Irene, Viguesa Distinguida, Nai da Coeducación CLAVICO, Mulleres en Acción e Premio Ernestina Otero. Entre os seus máis de trinta libros destacan La revolución feminista en las aulas, Comando Igualdad, con Priscila Retamozo (Los Libros de la Catarata, 2022); Amarte, pensar el amor en el siglo XXI, con Amada Traba (Los Libros de la Catarata, 2019); La educación sentimental. Una propuesta para adolescentes (Icaria, 1998); e Eros: Materiais para pensar o amor (Xerais, 1994).
Amada Traba, Licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía, é docente de Socioloxía da Educación na Universidade de Vigo e en todas as edicións do Posgrao de Xénero da Universidade de Vigo. Dende hai trinta anos, participa en numerosas actividades de divulgación, formación, investigación e asesoramento no campo da Socioloxía do Xénero. Concretamente, desenvolveu parte da súa traxectoria en deseño e avaliación de políticas de igualdade. Autora de numerosos artigos, entre as súas publicacións encóntranse Amarte, pensar el amor en el siglo XXI, con Chis Oliveira (Los Libros de la Catarata, 2019); CIMA (2020): A representatividade e a representación das mulleres no audiovisual galego ficción 2020, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela e A representación femenina no Arquivo Pacheco (2010).
Pepe Cabido, Licenciado en Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, é profesor de Filosofía no ensino secundario e experto en novas masculinidades, non hexemónicas, cunha ampla traxectoria na impartición de obradoiros de igualdade dirixidos a rapaces varóns, especialmente entre os 14 e os 16 anos.