Proxección da película «La isla de las mentiras» de Paula Cons
- Data
- Martes, 27 de xaneiro de 2026
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O martes, 27 de xaneiro, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a proxección da película «La isla de las mentiras». Esta proxección, comprendida dentro do II Ciclo «Cinema galego do século XXI» do Cineclub Ateneo, estará presentada e comentada pola súa directora, Paula Cons.
La isla de las mentiras
Directora: Paula Cons
2020, 93 minutos
Na madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o buque Santa Isabel, con destino Bos Aires e 260 persoas a bordo, afunde fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora. A falta de homes na illa, tres rapazas do lugar, María (Nerea Barros), Josefa (Victoria Teijeiro) e Cipriana (Ana Oca), deciden ir ao rescate salvando a 48 persoas, un acto heroico que pagarán moi caro. Tras estes feitos, un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acude a Sálvora para cubrir a noticia do naufraxio. Pero pouco a pouco comproba que esa noite ocorreron demasiadas terribles "casualidades" na illa. Son moitas as incógnitas que hai que resolver.
Paula Cons é directora e guionista, tanto de cine como de documental, e de formación xornalística, profesión que exerceu durante máis de dez anos. Acaba de dirixir a súa segunda película Mi ilustrísimo Amigo, que narra a historia de amor entre Benito Pérez Galdós e Emilia Pardo Bazán, unha coprodución entre Canarias e Galicia que foi recoñecida co premio á Mellor Dirección de Fotografía (Best Cinematographer) tanto no Miami Women Film Festival como no Montreal Women Film Festival, e recentemente recibiu o premio á Mellor Película no Berlin Women Cinema Festival, á Mellor Interpretación no OUFF e Premio do xurado no Festival de Madrid. A súa ópera prima, A illa das Mentiras, tivo a “world premiere” no Festival clase A Shanghai International Film Festival e, posteriormente, foi seleccionada no Festival Internacional de San Sebastián na sección “Made in Spain”. Na súa estrea durante a pandemia en Filmin foi o contido máis visto e, posteriormente, estreouse en salas de cine de toda Galicia, onde permaneceu máis de 9 semanas. Gañadora de 5 Mestre Mateo entre eles o de Mellor Dirección e premio á Mellor Película no Celtic Media Festival e no London Spanish Film Festival, participou tamén en Festivais de todo o mundo e foi estreada en cines en Grecia, Rusia e Portugal. Dirixiu a serie documental de NETFLIX ¿Dónde está Marta?, que acadou o número 1 en España durante semanas e o número 6 a nivel mundial en series de fala non inglesa e varias ficcións sonoras para Audible (Amazon). Directora tamén do documental histórico e de investigación A Batalla descoñecida, seleccionado a competición na SEMINCI na sección DocsEspaña, o ano pasado recibiu o premio MULLERES NO FOCO pola súa traxectoria e tamén polo seu compromiso co feminismo. Ademais traballa como titora de guión para diversos laboratorios e actualmente está en a piques de rodar a súa terceira longametraxe.