Debate sobre «Acabadora» de Michela Murgia
- Data
- Martes, 27 de xaneiro de 2026
- Horario
- 17.30h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
O martes, 27 de xaneiro, ás 17.30h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Acabadora de Michela Murgia.
Acabadora narra a historia de Maria, cuarta filla dunha familia humilde, que é adoptada por Bonaria Urrai, unha costureira solitaria, nunha pequena vila de Sardeña durante os anos 50. Maria aprenderá grazas a ela o esencial da vida como, por exemplo, a reconfortar as persoas que se achegan ao seu destino final. Galardoada co prestixioso Premio Campiello, esta novela aborda a morte dende un punto de vista diferente: o dunha cultura que sempre afrontou sen pudor esta parte da vida.
Michela Murgia (Cabras, Sardeña, 1972-Roma, 2023) diplomouse nunha escola técnica e realizou estudos de Teoloxía. Xa publicara dous libros (unha sátira sobre os call centers e un caderno de viaxe de Sardeña) cando Acabadora (2009), a súa primeira novela, se convertiu nun fenómeno literario, acadando un grande éxito de crítica e público. Esta obra encabezou durante semanas as listas dos libros máis vendidos e foi traducida a unhas vinte linguas, acadando, ademais do Premio Campiello, o máis prestixioso do seu país, o Premio Alassio, o Città di Cuneo, o Dessì, o Super Mondello e o Viadana. No campo do ensaio, volveu acadar un grande éxito con Instrucciones para convertirse en fascista (2018).