Visita guiada á exposición «Castelao. Mirar por Galicia» no Museo Centro Gaiás
- Data
- Martes, 4 de novembro de 2025
- Horario
- 12.30h
- Lugar
- Museo Centro Gaiás
- Máis información
Unicamente se rexistrarán as inscricións a través do enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal (non se rexistrará ningunha inscrición por teléfono, whatsapp ou outros medios que non sexa o indicado). A data límite para anotarse é o xoves, 23 de outubro, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude.
O martes, 4 de novembro, ás 12.30h o Ateneo de Santiago realizará unha visita guiada á exposición «Castelao. Mirar por Galicia», situada no Museo Centro Gaiás.
As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal, indicando a quenda de preferencia e admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude, tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo. A data límite para anotarse é o xoves, 23 de outubro.
Intelixencia artificial, hologramas, videomapping ou realidade virtual combínanse nun relato que nos traslada unha visión anovadora da vida, as achegas e o universo artístico de Castelao, recreado aproveitando o potencial das tecnoloxías de animación 3D e dos motores de intelixencia artificial xerativa. Coa asesoría e dirección histórica de Miguel Anxo Seixas, Presidente da Fundación Castelao, e a dirección artística de Carlos Seijo, especialista en deseño de efectos visuais, animación 3D, visualización e experiencias inmersivas, esta mostra convida a coñecer a persoa detrás da emblemática figura do ilustre autor, artista, político e intelectual integrante da Xeración de 1916. Experimentar a visión do mundo a través dos seus ollos da man da realidade virtual, asistir a unha das súas clases de debuxo impartidas en Pontevedra, abrir unha xanela á súa infancia e mocidade, ou ao seu tempo de exilio tras a Guerra Civil, son algunhas das escenas que se poden experimentar. Ademais, ofrece a oportunidade única de volver escoitar as palabras do intelectual, en galego e na súa propia voz, recreada a partir dun minucioso proceso que conxuga unha escolma de citas da súa autoría, o traballo de actores e locutores profesionais e a aplicación de tecnoloxía de intelixencia artificial.