Visita a Noia e á Catedral do Tambre

Data
Sábado, 24 de maio de 2025
Máis información

Unicamente se rexistrarán as inscricións a través do enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal (non se rexistrará ningunha inscrición por teléfono, whatsapp ou outros medios que non sexa o indicado). A data límite para anotarse é o xoves, 15 de maio, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude.

Ateneo Viaxeiro
Compartir

O sábado, 24 de maio, o Ateneo de Santiago realizará unha visita a Noia e arredores co seguinte programa:

9.00h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago.

9.45h. Chegada a Noia e café.

10.15h. Visita guiada a Santa María a Nova e Museo das Laudas Gremiais
Edificio de estilo gótico mariñeiro, cunha única nave dividida en catro tramos, fundado en 1327, hoxe desacralizado, e declarado Conxunto Histórico Artístico en 1973, xunto co cemiterio. Conta cun magnífico retablo barroco policromado de 1760, unha pía bautismal do século XV e o sarcófago de Ioan de Estivadas (século XVI). No interior atópase o Museo das Laudas Gremiais, unha exposición única de lápidas sepulcrais de diferentes gremios profesionais e estatus sociais da vila dende a época medieval ata a Idade Moderna (séculos XIV a XIX). No cemiterio destacan o cruceiro gótico, o «Cristo do Humilladoiro» (século XVI), os sarcófagos que rodean a igrexa e a magnífica colección de máis de cincocentas lápidas sepulcrais de entre os séculos XIV ao XIX.

11.15h. Visita a San Martiño
Declarado Ben de Interese Cultural, é de estilo gótico galego, cun fermoso pórtico cunha clara influencia da obra do Mestre Mateo. Conta cunha única nave e unha capela maior poligonal cuberta por bóveda de crucería reforzada no exterior por un remate almenado, imprimíndolle certo carácter de fortaleza.

Paseo polo casco histórico de Noia
Declarado Conxunto Histórico Artístico, está cheo de casas señoriais e pazos urbanos (identificables polos seus escudos), ademais dos antigos hospitais e igrexas.

12.15h. Visita ao xardín histórico do Pazo do Marqués ou Quinta Hermosa
Finca de 2 Ha., contigua ao pazo, cun xardín xeométrico con cadros de buxo, que ten unha parte ornamental e outra hortícola. Xardín de grande interese, tanto dende o punto de vista paisaxístico como florístico, xardinístico e agrícola, con especies de grande interese botánico incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras.

14.30h. Comida no Restaurante Tío Manolo (Noia).

17.00h. Saída para visitar o Complexo da Central Hidroeléctrica do Tambre
Conta con espazos naturais moi fermosos á beira do Tambre e o monumento histórico «A Central Hidroeléctrica», coñecida como a Catedral da Auga, de estilo románico industrial, deseñado polo arquitecto Antonio Palacios en 1924 e construído en 1932. O Complexo inclúe un xardín e varios edificios, antigas vivendas do director e persoal da central, dende onde saen varias rutas de sendeirismo  polas ribeiras do río, atravesando unha ponte colgante.

Farase unha pequena andaina para ver unha antiga pesqueira de lampreas.

Regreso á Rúa da Rosa de Santiago. Posible hora de chegada ás 20h.

O prezo da viaxe é de 40€ por persoa, incluíndo autobús, xantar, visitas e guías, os cales se aboarán directamente o mesmo día da visita. As persoas que non sexan socias do Ateneo deberán pagar un suplemento de 15€. As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o xoves, 15 de maio, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude. No caso de inscribirse máis persoas que prazas dispoñibles, as admisións realizaranse mediante un sorteo, que se levará a cabo o venres, 16 de maio, tendo preferencia de admisión os/as ateneístas.

Próximos eventos Ver axenda