Seminario Europa «A gobernanza dos océanos: a contribución de Europa» con Carlos Teijo
- Data
- Xoves, 22 de maio de 2025
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Praza de Salvador Parga, 4-2º, Santiago de Compostela)
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala

O xoves, 22 de maio, ás 19.30h o Ateneo de Santiago, en colaboración coa Asociación Federalista de Galicia, organiza no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago, situado na Praza de Salvador Parga, 4-2º, de Santiago de Compostela, unha conversa con Carlos Teijo, Director do Centro de Estudos e Documentación da Unión Europea da USC. O acto, que estará presentado por Cristina Ares Castro-Conde, Profesora de Política da Unión Europea da USC, centrarase no tema «A gobernanza dos océanos: a contribución de Europa».
A axenda para a gobernanza dos oceános identifica como prioridades clave para a UE a protección da biodiversidade marina, a loita contra a contaminación e o cambio climático, a protección dos fondos mariños e o aproveitamento sostible da economía azul. Para Galicia, que é unha nación marítima cunha alta dependencia dos recursos oceánicos, resulta esencial que a estratexia regulatoria da UE -que ten importantes competencias na materia- sexa acertada.
Carlos Teijo é Profesor Titular de Dereito Internacional Público da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde dirixe o Centro de Estudos e Documentación da Unión Europea. Doutor e licenciado en Dereito e Ciencias Políticas, atesoura unha ampla experiencia docente, sendo autor de numerosas publicacións científicas (máis de 80 contribucións) editadas en monografías e revistas científicas nacionais e internacionais. Participou como experto independente na tramitación da Ley 5/2023 de Pesca Sostenible e Investigación. Na actualidade, é investigador principal do proxecto «Recursos marinos, sostenibilidad y territorio. Implicaciones para España de la evolución de los regímenes jurídicos de la pesca y la plataforma continental ampliada» (RECMAR, PID2023-150405OB-I00) financiado pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia.