Conferencia «O Coro do Mestre Mateo revelado: a recuperación dun monumento único» de Francisco Prado-Vilar

Data
Luns, 5 de maio de 2025
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O luns, 5 de maio, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, unha conferencia titulada «O Coro do Mestre Mateo revelado: a recuperación dun monumento único», que estará impartida por Francisco Prado-Vilar, Profesor de Historia da Arte da USC e Investigador Distinguido do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais).

Cando o coro do mestre Mateo foi desmantelado nos albores do século XVII, desapareceu do panorama artístico europeo un monumento único, deixando atrás un conxunto inxente de fragmentos que se teñen resistido a desvelar os seus misterios. Ao longo do século XX realizáronse diversos intentos de reconstrución parcial do coro, sen chegar a unha solución satisfactoria en canto á súa configuración arquitectónica xeral, estrutura dos sitiais, disposición escenográfica e programa iconográfico. Grazas á confluencia da tecnoloxía máis avanzada e da investigación histórico-artística de vangarda, o proxecto KosmoTech_1200 (USC-CISPAC-Fundación Catedral de Santiago) ofrece unha nova visión do coro do mestre Mateo que redimensiona a súa importancia como un monumento esencial que foi, á vez, testemuño único dun fenómeno clave na historia da música coñecido como «a emerxencia da polifonía» e un dos escenarios inspiradores do nacemento da lírica galega, con cóengos-trobadores da escola compostelana como Osoiro Eanes e Adao Fernandes. Nesta ponencia presentaranse avances inéditos deste proxecto que inclúen a reconstrución 3D inmersiva de varios sitiais do coro elaborada a partir da ensamblaxe de modelos fotogramétricos de pezas orixinais, a anastilose de partes ausentes baseada nun rigoroso estudo histórico-artístico e estrutural, a reconstrución das policromías baseada nos restos presentes e na documentación histórico-artística comparativa e a recreación do mobiliario mediante un minucioso estudo de pezas contemporáneas.

Francisco Prado-Vilar é Profesor do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e Investigador Distinguido do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais). Licenciouse pola USC co premio extraodinario e obtivo o seu douroramento (PhD.) na Universidade de Harvard, tras o cal ocupou cargos docentes e de investigación nas universidades de Princeton, Londres, Complutense e Stanford. Recentemente foi profesor visitante na École des hautes études en sciences sociales (EHESS) de París e, antes de incorporarse á USC, foi Director de Proxectos do Real Colexio Complutense en Harvard. Durante a última década participou en destacados proxectos centrados no estudo e a conservación do patrimonio, sendo membro do Comité do Selo de Patrimonio Europeo (EHL) na UE e  Coordinador do Comité Científico da restauración do Pórtico da Gloria, no marco do cal liderou un equipo multidisciplinar de historiadores da arte, arquitectos e científicos da conservación, financiado pola Mellon Foundation. Actualmente é o Investigador Principal do proxecto KosmoTech_1200: Experiencia, Cognición e Tecnoloxía (Ministerio de Ciencia e Innovación e Axencia Estatal de Investigación/Fondos Next Generation), no marco do cal se está levando a cabo o estudo e reconstrución do coro mateano. 

Próximos eventos Ver axenda