Visita guiada á exposición «Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia» no Auditorio de Galicia

Data
Venres, 9 de maio de 2025
Horario
17.00h
Lugar
Auditorio de Galicia
Máis información

Máis información

Ateneo Viaxeiro
Compartir

O venres, 9 de maio, ás 17.00h o Ateneo de Santiago realizará unha visita á exposición «Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia», situada no Auditorio de Galicia, que estará guiada polo seu Comisario, Germán Labrador.

As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo. A data límite para anotarse é o domingo, 4 de maio.

Partindo de dispositivos singulares que, como o ollo de vidro de Castelao, miran e fan ver as cousas coñecidas dende un lugar inédito, esta exposición imaxina unha viaxe imprevista por experiencias colectivas na Galicia dos últimos cento cincuenta anos. Partindo da máxima de que toda historia que se pregunte polos mundos que foron borrados precisa dun reconto alternativo das formas que os amosen e apoiados nalgúns casos de estudo e dispositivos moi concretos, faise un percorrido por formas e prácticas culturais coas que abrir, dende abaixo, a imaxinación histórica. A mostra organízase a través de cinco episodios distintos: primeiro, a construción transatlántica do capitalismo en Galicia dende o século XIX; segundo, o legado utópico da experiencia republicana dos anos trinta, entendida na súa articulación decisiva co galeguismo; terceiro, a duración do xenocidio fascista durante e despois da Guerra Civil; en cuarto lugar, a xorda resistencia do mundo dos vencidos e dos traballadores na posguerra; e, quinto, as rupturas contraculturais dos anos setenta e a emerxencia de novos laboratorios poéticos colectivos. Por último, a exposición empeza e conclúe cunha reflexión crítica sobre a situación da Galicia actual, ante a grave crise ecolóxica e a partir da duración de estruturas coloniais e extractivas.

Próximos eventos Ver axenda