Proxección da película «No mundo a cada intre» de Patricia Ferreira, Pere Joan Ventura, Chus Gutiérrez, Javier Corcuera e Javier Fesser
- Data
- Martes, 25 de marzo de 2025
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala

O martes, 25 de marzo, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela) a proxección da película «No mundo a cada intre» (En el mundo a cada rato) de Patricia Ferreira, Pere Joan Ventura, Chus Gutiérrez, Javier Corcuera e Javier Fesser. Esta proxección, comprendida dentro da IV Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), estará presentada e comentada por Mar Lorenzo, Decana da Facultade de Ciencias da Educación.
No mundo a cada intre (En el mundo a cada rato)
Directoras/es: Patricia Ferreira, Pere Joan Ventura, Chus Gutiérrez, Javier Corcuera e Javier Fesser
España, 2004
Documental realizado en colaboración con UNICEF para contribuír á protección dos dereitos da infancia no mundo. Cinco historias rodadas en distintos países e protagonizadas por nenas e nenos que abordan temas como a educación das nenas, o desenvolvemento integrado na primeira infancia, a inmunización, a loita contra o VIH/SIDA e a loita contra a violencia, a explotación e a discriminación.
María do Mar Lorenzo Moledo, doutora en Filosofía e Ciencias da Educación pola USC, é Catedrática de Universidade no Departamento de Pedagoxía e Didáctica dende 2022. As súas liñas de investigación son a educación e pedagoxía intercultural, a pedagoxía laboral, a pedagoxía penitenciaria, a educación familiar e a aprendizaxe-servizo e competencias na educación superior. Ten publicado 18 libros, participou en numerosos capítulos de libros e é autora de máis de 70 artigos en revistas de impacto na escea nacional e internacional. Pertence ao Grupo de Investigación ESCULCA da USC (Grupo de Referencia Competitiva do Sistema Galego de I+D+i), que obtivo o 1º Premio Nacional de Investigación Educativa 2007 co Proxecto "Familias inmigrantes en Galicia: la dimensión socio-educativa de la integración" (SEJ2004-05967), do que foi Investigadora Principal; o terceiro Premio Nacional de Investigación en 2003 cun proxecto, no que participou como investigadora, sobre Aprendizaxe Cooperativa en centros educativos; e o Premio María Barbeito de Educación en Galicia á Investigación Pedagóxica na súa terceira edición. Forma parte da Rede RIES (Xunta de Galicia) e da Rede de Excelencia “Universidade, Innovación e Aprendizaxe na Sociedade do Coñecemento” (Ministerio de Ciencia e Innovación). Dirixiu 11 teses doutorias, contribuíndo ao inicio e desenvolvemento da carreira investigadora de novos/as docentes de universidade e de profesionais doutros niveis educativos, e foi investigadora en máis de 20 proxectos financiados en convocatorias competitivas (autonómicas, nacionais e europeas) e contratos coa administración. É avaliadora de distintas Axencias autonómicas, nacionais e internacionais e participou en numerosos congresos internacionais, destacando os de EERA. Foi Xefa de División de Investigación Educativa no Instituto de Ciencias da Educación (ICE), Vicerreitora de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria, Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos e coordinadora do Programa de Doutoramento en Educación na USC. Tamén foi Subdirectora da Revista Galega do Ensino, Directora da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos e Asesora UNED no Centro Penitenciario de Teixeiro (A Coruña). Actualmente é decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC.