Proxección da película «Amal» de Jawad Rhalib
- Data
- Martes, 11 de marzo de 2025
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala

O martes, 11 de marzo, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela) a proxección da película «Amal» de Jawad Rhalib. Esta proxección, comprendida dentro da IV Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), estará presentada e comentada por Xosé Armas, Profesor de Didáctica das Ciencias Sociais da USC.
Amal
Director: Jawad Rhalib
Bélxica, 2023
Amal, unha profesora francesa dun instituto de Bruxelas, anima aos seus alumnos a cultivar a paixón pola lectura, defender a liberdade de expresión e promover a tolerancia. Con todo, as súas ideas molestan a algúns alumnos e compañeiros vencellados co extremismo islámico, totalmente oposto aos seus métodos de ensinanza. Aínda así, Amal mantense firme, especialmente cando ten que axudar a Monia, unha das súas estudantes, una rapaza reservada á que atacan, acosan e ameazan polas sospeitas sobre a súa homosexualidade.
Xosé Armas Castro, Profesor Titular de Didáctica das Ciencias Sociais da USC, foi Director do Departamento de Didácticas aplicadas. Como membro do Grupo de Investigación RODA (Razoamento, discurso e argumentación), con sede no Departamento de Didácticas aplicadas, participou en diversos proxectos de investigación competitivos. Autor de libros, artigos científicos e conferencias en Congresos nacionais e internacionais sobre Didáctica da historia e das Ciencias sociais e Historia medieval, tamén é membro da Asociación Universitaria de Profesorado de Didáctica das Ciencias Sociais e da Sociedade Española de Estudos medievais.