Presentación do libro-disco «Fremosas. Cantigas de amigo e de amor» de Barahúnda
- Data
- Mércores, 19 de febreiro de 2025
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala

O mércores, 19 de febreiro, ás 19.30h, o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación do libro-disco «Fremosas. Cantigas de amigo e de amor» de Barahúnda.
O acto contará cos músicos de Barahúnda, Helena de Alfonso (canto) e Jose Lara Gruñeiro (guitarra e canto), que ofrecerán un concerto comentado, pormenorizando tanto a explicación das cantigas interpretadas como o contexto histórico das mesmas.
Fremosas é o quinto traballo de Barahúnda, que contén unha colección de 12 cantigas galego-portuguesas musicadas e accesibles a través de senllos códigos Qr, creado coa intención de divulgar a tradición cultural dos pobos, dende a máis popular ata a dunha cantiga de amigo do século XIII, recollida nunha biblioteca, que é tamén unha reflexión sobre a pegada feminina na lírica medieval. Un conxunto de especialistas (historiadoras, poetas, musicólogos, artistas, etc.), como Aurora Marco, Domingos Morais, José Luís do Pico Orjais, Txema Mawenya, José Luis Sanz García-Ochoa ou Xesús Santos, uniron os seus textos cos de Helena de Alfonso e Jose Lara Gruñeiro e coas cantigas que levan musicando dende 1998 ata a actualidade.
Barahúnda é unha formación musical fundada en Madrid en 1998 e que xorde a partir da idea de Helena de Alfonso de crear unha banda de folk inspirada na música tradicional ibérica e as tres culturas. Actualmente está integrado pola cantante Helena de Alfonso e Jose Lara Gruñeiro, guitarrista, ambos compositores e productores. Decenas de colaboradores do ámbito do folk, a música antiga, a clásica e a world music gravaron ou tocaron en directo con Barahúnda a través dos anos en centenares de concertos na Península Ibérica e Baleares, sendo Galicia, Asturias, Madrid e Lisboa os lugares máis frecuentados nos últimos tempos. Recentemente foron galardoados co Premio Barbantia 2024 á Iniciativa Cultural. A discografía de Barahúnda consta de cinco álbums: Al Sol de la Hierba (Sonifolk 2002), Una Hora en la Ventana (Musikarte 2005), Múdanse os Ventos (Autoedición 2015), Onde vai o mar (Autoedición 2018) e Fremosas, Cantigas de Amigo e de Amor (Editorial Toxosoutos 2023).