Proxección da película «Salta!» de Olga Osorio

Data
Martes, 25 de febreiro de 2025
Horario
19.00h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

PROGRAMA CICLO «CINEMA GALEGO DO SÉCULO XXI»

Compartir

O martes, 25 de febreiro, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela, a proxección da película «Salta!». Esta proxección, comprendida dentro do Ciclo «Cinema galego do século XXI» do Cineclub Ateneo, estará presentada e comentada pola actriz Mabel Rivera, intérprete dunha das personaxes.

Salta!
Directora: Olga Osorio
2023, 119 minutos
Verán de 1989. Óscar e Teo, de 13 e 10 anos, son dous irmáns, moi distintos entre si, que viven nun modesto piso de barrio. Teo é futboleiro e un pouco trasto, mentres que Óscar prefire pasar as tardes de verán estudando a teoría da relatividade. En realidade, cada un combate á súa maneira a desaparición da súa nai, unha prometedora científica obsesionada cos buracos de gusano. 

Mabel Rivera iníciase no teatro non profesional de finais dos anos 70 participando en numerosos espectáculos ata que se converte en profesional en 1984, ano en que se funda o Centro Dramático Galego, incorporándose a un dos primeiros elencos desta compañía institucional. Protagonizou unha das comedias de maior éxito da TVG, Pratos combinados, ata que lle chegou o recoñecemento a nivel nacional pola súa actuación na oscarizada película Mar Adentro, dirixida por Alejandro Amenábar, e que lle valeu o Premio Goya á Mellor Actriz de Reparto, o Premio Sant Jordi de Cinematografía á Mellor Actriz Española e unha longa listaxe de recoñecementos tanto dentro como fóra de España, así como excelentes críticas. Ademais de actriz, traballou tamén como presentadora, dobradora, tradutora e axudante de dirección. Xunto a Enrique Banet, director de fotografía e realizador de televisión, produciu os documentais El Salario del Silencio (2007), sobre a polémica instalación dunha planta de gas de gran capacidade no corazón da Ría de Ferrol; e Unha lousa sobre o Courel (2009), sobre a extracción de pizarra (para convertela en lousa ornamental) na Serra do Courel. É Licenciada en Filoloxía Inglesa e posgrao en Arte Dramático pola Universidade de Santiago de Compostela.

Próximos eventos Ver axenda