Proxección da película «Sofía Casanova: a obreira do pensamento» de Zaza Ceballos

Data
Martes, 11 de febreiro de 2025
Horario
19.00h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

PROGRAMA CICLO «CINEMA GALEGO DO SÉCULO XXI»

Compartir

O martes, 11 de febreiro, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela, a proxección da película «Sofía Casanova: a obreira do pensamento». Esta proxección, comprendida dentro do Ciclo «Cinema galego do século XXI» do Cineclub Ateneo, estará presentada e comentada pola súa directora, Zaza Ceballos.

Sofía Casanova: a obreira do pensamento
Directora: Zaza Ceballos
2022, 95 minutos
Recoñecida mundialmente polas súas crónicas e escritos xornalísticos, o traballo como correspondente de Casanova ten un valor engadido: é unha nova ollada sobre a guerra, distinta á do xornalismo feito por homes. Ela foi a primeira muller española correspondente, a voz que contou as dúas guerras mundiais e a Revolución rusa, abrindo o camiño para que outras mulleres puidesen formar parte deste mundo profesional.

Zaza Ceballos, escritora, produtora e directora cinematográfica, é unha das pioneiras do sector audiovisual galego. Tras estudar Inglés e Literatura nos Estados Unidos e Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, comezou en 1985 a traballar na Televisión de Galicia no Departamento de Información e na Oficina de Desenvolvemento das relacións exteriores da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, pasando en 1987 a ocupar diversos postos de responsabilidade. Tamén foi membro da comisión de expertos para a concesión das axudas da Consellería de Cultura e responsable de coproducións nacionais e internacionais. No ano 1998 fundou Zenit Televisión, empresa da que actualmente é directora, sendo a produtora executiva de varios filmes, documentais e series de televisión, destacando os seus traballos dedicados a divulgar figuras históricas femininas galegas como Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega, Concepción Arenal, Rosalía de Castro ou Sofía Casanova, e polos que foi recoñecida en 2021 coa Medalla Emilia Pardo Bazán e en 2024 coa Medalla de Ouro de Galicia. Ademais destes labores, é profesora na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (campus de Ourense).

Próximos eventos Ver axenda