A fin de semana do 9 e 10 de novembro o Ateneo de Santiago realizará unha viaxe ao Bierzo, con visita guiada á exposición «Las Edades del Hombre», que permitirá gozar das paisaxes, a cultura e a historia do Bierzo, cun itinerario equilibrado entre visitas guiadas, espazos naturais e tempo libre.

SÁBADO, 9 DE NOVEMBRO

8.00h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago con destino Ponferrada.

12.30h. Visita a Peñalba de Santiago, no Val do Silencio. Teremos tempo para explorar esta encantadora localidade declarada Ben de Interese Cultural e gozar da súa contorna natural. O seu principal sinal de identidade é a súa arquitectura popular: tellados de pizarra, muros de pedra caliza-mármore, corredores en voadizo, fornos de pedra, cortes para gando e cabalos e adega. Destaca a Igrexa de Santiago do século X, unha xoia da arte mozárabe declarada monumento nacional.

14.30h. Xantar no Restaurante Mencía, con produtos do Bierzo. 

16.00h. Visita á Ferrería de Compludo. É unha oportunidade única para ver esta antiga ferrería en funcionamento. Monumento nacional dende 1968, funciona coa forza da auga e conserva a parte do mazo, móvese con roda hidráulica, provocando unha corrente de aire (efecto Venturi) que aviva o lume da forxa.  

Regreso sobre as 18.30h. 'Check-in' no Hotel Alda Centro Ponferrada.

Os que non vaian á Ferrería de Compludo poderán facer o 'check-in' no hotel despois de comer.  

DOMINGO, 10 DE NOVEMBRO

10.00h. Visita á Igrexa de Santiago en Villafranca del Bierzo. Igrexa románica do século XII dunha única nave, teitume de madeira e ábsida semicircular. Na súa Porta do Perdón poden obter o xubileo os enfermos e impedidos que non poden continuar a viaxe a Compostela. Alí veremos unha experiencia audiovisual inmersiva. As paredes da Igrexa transfórmanse en pantallas audiovisuais que nos introducirán nunha experiencia única. 

11.10h. Visita guiada á exposición «Las Edades del Hombre» na Colexiata de Villafranca. Erixida no século XII por monxes cluniacenses foi reedificada polos marqueses de Villafranca. A obra é de estilo gótico tardío e plateresco. O recinto acolle unha impresionante exhibición de 110 pezas artísticas, esculturas, pinturas, ourivaría, ...

13.00h. Visita con audioguía ao Mosteiro beneditino de Carracedo, fundado por Bermudo II no ano 990. Contén elementos románicos, cistercienses e protogóticos. Presenta estancias de gran beleza, como o famoso Mirador da Reina, o Refectorio, o amplo patio, a igrexa, os claustros, a cociña da Reina, ...

15.00h. Xantar no Palacio de Canedo, onde degustaremos «Botillo con verdura». O lugar é un edificio do século XVIII rodeado de viñedos, reconvertido polo popular «Prada a Tope» en hotel, restaurante, tenda e adega. O botillo do Bierzo é un produto elaborado con pezas cortadas do porco (costela, rabo, carrilleira, paleta, lingua e espiñazo) mesturadas con allo, pementa, sal e outras especias, embutidas nunha tripa grosa.

17.30h. Regreso a Santiago de Compostela.

O prezo total aproximado da viaxe é de 150-170€ por persoa en habitación dobre, cun suplemento de 50€ para as persoas que non sexan socias do Ateneo. 
O prezo inclúe:
   - Autobús
   - 1 noite no Hotel Alda Centro Ponferrada en habitación dobre, en réxime de aloxamento e almorzo
   - 2 comidas en grupo
   - Visitas
   - Guías
O prezo non inclúe:
   - Cea

As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o mércores, 30 de outubro, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as ateneístas. Aqueles que sexan admitidos deberán ingresar o importe da visita antes do prazo que se lle indique no mail de confirmación.

Próximos eventos Ver axenda