Presentación do libro «Palabras para o noso tempo» de Xesús Alonso Montero
- Data
- Martes, 29 de outubro de 2024
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O martes, 29 de outubro, ás 19.30h, o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación do libro «Palabras para o noso tempo. Catorce discursos orais (2014-2023)» de Xesús Alonso Montero, edición de Olivia Rodríguez González. No acto participarán:
Xesús Alonso Montero, autor da obra
Olivia Rodríguez González, responsable da edición
Carmen Blanco Ramos, responsable da gravación e transcrición
José Manuel González Herrán, Vicepresidente do Ateneo de Santiago
Palabras para o noso tempo (Alvarellos Editora, 2024) reúne unha mínima pero brillante selección dos discursos de Xesús Alonso Montero, mantendo na transcrición do texto o espírito fiel da súa oratoria orixinal. Catorce destacadas intervencións públicas das máis de 5.000 ofrecidas ao longo da súa dilatada vida, por onde van pasando nomes inesquecibles da nosa historia e das nosas Letras, como Rosalía de Castro, Isaac Díaz Pardo, Emilia Pardo Bazán, Francisco Fernández del Riego, Borobó, Ramón Piñeiro ou Xosé Neira Vilas, e tamén, como non, o exilio, o antifranquismo, a defensa das clases populares e a historia do comunismo europeo.
Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) é catedrático emérito de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela, membro da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, e un dos intelectuais de referencia no país. Licenciado en Filosofía e Letras na Universidade de Madrid con Premio Extraordinario, doutorouse en 1966 na Universidade de Salamanca cunha tese sobre Curros Enríquez. Militante do Partido Comunista desde 1962, foi represaliado en varias ocasións por mor das súas actividades políticas chegando incluso a ter que ser trasladado no curso 1975-76 ao instituto de Montilla (Salamanca). Foi tamén Catedrático de Lingua e Literatura españolas, exercendo en Palencia, Lugo e Madrid. No campo da sociolingüística pode reclamar para si o papel de iniciador dos estudos sociolingüísticos modernos sobre o galego con obras como O porvir da lingua galega (1968), O que cómpre saber da lingua galega (1969), o polémico Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973) e a Encuesta mundial sobre la lengua y la cultura gallegas (1974).