IMPROVISACIÓNS GOLDBERG
- Data
- Mércores, 16 de outubro de 2024
- Horario
- 22.00h
- Lugar
- Sindueña Cervexaría (Rúa Nova, 36)
- Máis información
Acceso gratuíto ata completar a capacidade

IMPROVISANDO
IMPROVISACIÓNS GOLDBERG
PABLO SEOANE piano
PABLO REGA guitarra eléctrica
Sindueña Cervexaría (Rúa Nova, 36)
Mércores 16 outubro 2024
22.00h (apertura de portas 21.30 h.)
asistencia gratuíta até completar a capacidade
O Festival Ateneo Barroco, para pechar a súa sexta edición, presenta «Improvisando», unha nova achega dentro das súas actividades complementarias coa que o Festival dá un paso cara adiante na súa vocación multidisciplinar e se abre a outros públicos e perspectivas de interpretación.
Improvisacións Goldberg é o título desta sesión de improvisación, que protagonizan o pianista Pablo Seoane e o guitarrista Pablo Rega, sen dúbida dous dos músicos galegos máis comprometidos coa improvisación nas súas diversas manifestacións, enfoques e perspectivas. Con Improvisacións Goldberg remata o festival, pechando o círculo arredor de Bach e as súas Variacións Goldberg, unha obra moi presente, lida, interpretada e amosada dende diferentes puntos de vista neste Ateneo Barroco 2024. A sesión terá lugar na compostelá cervexaría Sindueña (rúa Nova, 36) o mércores, 16 de outubro, ás 22 horas, con entrada gratuíta até completar a capacidade.
Músico e doutor en filosofía, o ferrolán Pablo Seoane leva máis de dúas décadas realizando unha actividade regular como pianista e compositor en eidos próximos ao jazz, a improvisación, a música contemporánea, a performance e o teatro. Tamén ten escrito sobre estética, metafísica e filosofía da música, entre outros asuntos, e desenvolto a súa carreira musical e filosófica en Galicia, Estados Unidos, Brasil, Italia, Portugal, Reino Unido, etc. Ten traducido ao galego e ao castelán a Thoreau, Beckett, Pinter ou Apollineire e, entre as súas publicacións, cómpre salientar, recentemente, o compacto con música para piano Novia China, Buena Suerte ou o libro Regla y tiempo real. Improvisación, interpretación y ontología de la obra musical (Athenaica editorial).
Artista sonoro e músico experimental, Pablo Rega é cabeza visible de proxectos como F.I.L.O., Electra, Comando Radar ou Orquesta Omega. Pablo Rega actuou en prestixiosos festivais e colaborou con diversas formacións e proxectos, como Neumática, con Alfredo Costa Monteiro; IED8; Piensan los pies, xunto a Nilo Gallego; Yavestruzcomoandamios, con Fernando Oyagüez e Nilo Gallego; Z1C0, con LAR Legido e Tom Chant; BRUITAGE, con Tom Chant e Javier Carmona; Banda Crebinsky; Banda de Improvisadores de Barcelona (BIB); orquestra FOCO de Madrid, etc. Realizou instalacións sonoras co escultor Óscar de Paz e pezas para diferentes festivais de arte e tecnoloxía. Colaborou co colectivo Binaural en Portugal e realizou numerosas bandas sonoras para compañías teatrais, como Chévere, Ladanaus, Los Corderos, Antigua i Barbuda ou PlayGround, así como para diferentes proxectos de cinema documental. Como compositor, realiza pezas a partir da manipulación e fabricación de dispositivos de son tomados de diferentes fontes e materiais, tanto electrónicos como acústicos.
