Diálogo cos autores galegos galardoados co Premio da Crítica 2023, Manuel Veiga e Antón Lopo
- Data
- Xoves, 23 de maio de 2024
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala

O mércores, 23 de maio, ás 19.30h na Rúa do Vilar, 19, terá lugar o acto de entrega dos Premios da Crítica 2023, en lingua galega, na modalidade de narrativa e poesía, organizado pola Asociación Galega da Crítica (AGC) coa colaboración do Ateneo de Santiago.
Estes premios concédeos a Asociación Española de Críticos Literarios dende 1956 e outórganse aos mellores libros de narrativa e poesía publicados no ano anterior, tanto en castelán como en galego, euskera e catalán. A proposta da Asociación Galega da Crítica, este ano o fallo recaeu no poemario Diarios / 1. Azul Monforte de Antón Lopo e na novela Perder as bestas de Manuel Veiga.
O acto desenvolverase do seguinte xeito:
-Apertura do acto por parte do xornalista Xosé Ramón Pousa, representante do Ateneo de Santiago.
-Intervención de Mario Regueira, representante da Asociación Galega da Crítica.
-Presentación de Antón Lopo e laudatio da obra Diarios 1 / Azul Monforte por Ana Romaní.
-Intervención de Antón Lopo.
-Presentación de Manuel Veiga e laudatio da obra Perder as bestas por Dolores Vilavedra.
-Intervención de Manuel Veiga.
-Entrega dos premios.
-Intervencións de clausura do acto.
DIARIOS / 1. AZUL MONFORTE DE ANTÓN LOPO
Diarios / 1. Azul Monforte, a través da estrutura do diario que, en ocasións, dialoga coas memorias doutras autorías como Jordi Esteva ou Rafael Chirbes, reflíctese a morte da nai e, por extensión, todas as mortes. A experiencia estimula a reflexión sobre a evolución dos coidados e o lastre que supón a convivencia, sobre todo na mocidade. A fuxida é unha obriga que se materializa nas viaxes e se razoa na madurez, cando a conversa e a escritura se encamiñan cara á reconciliación. O esforzo por comprender as lembranzas que abrollan cando finaliza a vida da nai vértese dende a progresión propia da narrativa e o lirismo das imaxes. Impacta a sinceridade do eu lírico, a procura de varios estratos de lectura a través da experimentación discursiva e os finais escintilantes, próximos á revelación.
Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961) é xornalista, escritor e performer, e na actualidade dirixe a editorial Chan da Pólvora. Como autor publicou narrativa, ensaio, teatro, tradución e poesía, o que lle valeu facerse con numerosos certames. Entre os últimos destacan o Premio Narrativa Breve Repsol por Extraordinario, sobre o que tamén recaería o Premio da Crítica española en 2018, ou o Premio Fiz Vergara Vilariño pola mesma obra que agora obtén o Premio da Crítica, Diarios / 1. Azul Monforte.
PERDER AS BESTAS DE MANUEL VEIGA
Perder as bestas descobre un dos episodios máis silenciados da historia da posguerra na Galiza: a actuación das "contrapartidas", grupos paramilitares promovidos polo Goberno que pretendían sementar o terror entre a poboación para desprestixiar a guerrilla e rematar con ela. Nun escenario dominado pola natureza e pola violencia sen paliativos, Veiga emprega un estilo minimalista, de altísima eficacia grazas a un poderoso traballo de selección léxica, para achegarnos a un grupo de seres anónimos, cunhas vidas que aparecen condicionadas polo medo, a precariedade e a obrigada (e perturbadora) convivencia con individuos que ostentan o poder malia a ser refugallo humano. Deste modo, a novela representa unha nova visión da posguerra e da historia da guerrilla (os fuxidos) pero tamén das formas posibles de identificación entre os seres humanos e a terra.
Manuel Veiga Taboada (Monforte de Lemos, 1960) é xornalista, escritor e sociólogo. Entre 2007 e 2010 dirixiu o semanario A Nosa Terra, aínda que xa participaba no consello de redacción dende 1983. Como novelista, obtivo o Premio Xerais en 2004 por O exiliado e a primavera e o García Barros en 2006 por Lois e Helena buscándose un día de tormenta.