Conferencia «Alta cidade de Luísa Villalta» de Xosé María Álvarez Cáccamo
- Data
- Luns, 13 de maio de 2024
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O luns, 13 de maio, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia para conmemorar o Día das Letras Galegas titulada «Alta cidade de Luísa Villalta», que estará impartida por Xosé María Álvarez Cáccamo, escritor e crítico literario.
Xosé María Álvarez Cáccamo estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e é profesor de ensino secundario dende 1973. Ademais de poesía, ten publicados relatos breves, teatro e literatura infantil, tendo sido a súa obra traducida ao catalán, castelán, éuscaro e italiano. Obtivo os premios Esquío, González Garcés e Arume e os Premios da Crítica de Galiza e de España. Fixo parte do consello editorial das coleccións de Poesía "Mogor" (1976-1980) e "Pero Meogo" (1980) e dos consellos de redacción dos suplementos "Galicia Literaria" de Diario 16 de Galicia (1990-1992) e "Faro das Letras" de Faro de Vigo (1993-1996). Entre 1984 e 2002 formou parte do equipo directivo da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que foi presidente interino tras a dimisión de Carlos Mella (2001), e foi coordenador das súas revistas Nó e Contemporánea. Foi membro fundador do "Foro da Cultura" e de "Esculca Observatorio para a defensa dos direitos e as liberdades" e formou parte entre 2003 e 2010 do consello de redacción da revista Grial.