Proxección da película «Smoke» de Wayne Wang, con guión de Paul Auster
- Data
- Martes, 4 de xuño de 2024
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O martes, 4 de xuño, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4-2º, Santiago de Compostela) a proxección da película «Smoke» de Wayne Wang, guionizada polo recentemente falecido escritor Paul Auster. Esta proxección, emitida como unha sesión especial do Cineclub Ateneo en homenaxe ao escritor, estará presentada e comentada por José Manuel González Herrán, Catedrático de Literatura Española e Profesor emérito da USC, e Antón Porteiro, ex-Asesor Técnico na Dirección Xeral de Centros da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Smoke
Director: Wayne Wang
Guión: Paul Auster
Estados Unidos, 1995
No Brooklyn do verán de 1987, algunhas persoas que frecuentan o estanco de Auggie Wren confíanlle os seus problemas. Paul Benjamin, un prestixioso novelista que atravesa unha crise, atopará finalmente un argumento na rocambolesca historia de como conseguiu a súa cámara fotográfica e de por que se decidiu a elaborar a súa singular colección de fotografías. Mentres tanto, tamén axudará a Rashid, un adolescente negro bastante desorientado que busca ao seu pai.
José Manuel González Herrán, Catedrático de Literatura Española e Profesor Emérito da Universidade de Santiago de Compostela, é conferenciante e Profesor invitado en Universidades españolas e estranxeiras. Ten publicado ou editado varias monografías, edicións críticas e anotadas, volumes colectivos, etc. sobre autores españoles dos séculos XVIII, XIX e XX. Entre 1994 e 2016 dirixiu na USC un grupo de investigación encol Emilia Pardo Bazán. É membro dos consellos editoriais e comités científicos de revistas e editoriais da súa especialidade e Académico correspondente da Real Academia Galega.
Antón Porteiro Lago, Licenciado en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela, foi Profesor e Director de distintos Centros docentes na cidade de Santiago perante máis de quince anos e Presidente da Asociación Galega de Academias durante o período entre 1987 e 1990. Pertenceu ao Corpo de Profesores de Ensino Secundario da Consellería de Educación da Xunta de Galicia durante máis de vinte anos, desenvolvendo a súa tarefa en diferentes centros educativos e foi Asesor do Centro de Formación e Recursos de Santiago de Compostela. Entre 2002 e 2011 foi asesor Técnico na Dirección Xeral de Centros da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.