III PREMIO ATENEO CINEDUCA

Data
Martes, 19 de marzo de 2024
Horario
19.00h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade

III MOSTRA INTERNACIONAL DE CINE E EDUCACIÓN (CINEDUCA)

Bases do III PREMIO ATENEO CINEDUCA

Compartir

O martes, 19 de marzo, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programado na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela o acto de clausura da III Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), que incluirá a entrega do III PREMIO ATENEO CINEDUCA e a proxección das seguintes curtametraxes premiadas entre as obras presentadas polos centros educativos:
   - 1º Premio: ONDE ESTÁ LUÍSA do IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda
   - Accésit: XOGAMOS A ESTAR VIVAS? do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela
   - Accésit: O PASAR DO TEMPO do CEIP Plurilingüe de Tenorio (Cerdedo-Cotobade)

Onde está Luísa? (A voz poética de Luísa Villalta, titorizada polo profesor Xesús Fernández Sulleiro e elaborada por alumnos de 3º da ESO, coa colaboración de todo o centro educativo como extras, e coa música interpretada, gravada e editada no propio centro por alumnado de Linguaxe e práctica musical de 1º de Bacharelato, trátase dunha ficción utópica, baseada na película Ocean's Eleven, onde uns estudantes deciden reaccionar contra a actitude de certo profesorado, reacio a promover efemérides como as Letras Galegas ou lecturas alternativas ás de carácter obrigatorio. Pola súa conta, deciden descubrir e difundir a obra de Luísa Villalta pero, cando confirman que non hai ningún exemplar da autora na biblioteca do centro, acordan poñer en marcha un complexo plan para dala a coñecer entre todos os membros da comunidade educativa.

Xogamos a estar vivas? Xelminovas Republicano Feminista, realizada por alumnos de 1º de Bacharelato e 2º da ESO, titorizados pola mestra Olga Iglesias de la Fuente, pretende ser un convite para a lembranza e o rescate de mulleres esquecidas na II República en Compostela, co fin de coñecer o seu papel pioneiro e decisivo en moitos ámbitos. Nunha primeira fase o alumnado de 1º de Bacharelato investigou nomes e lugares emblemáticos da Compostela republicana e realizou 40 entrevistas a especialistas neste período, expoñendo algúns dos seus traballos nas aulas de 2º da ESO. Posteriormente, estes traballos serviron de introdución para a realización do telexornal, que foi integramente producido e montado polo alumnado de 2º da ESO.

O pasar do tempo, elaborada por alumnos de 6º de Primaria, titorizados polo docente José Alberto Portela García, está baseada na rutina diaria do traballo no campo, a relación cos animais, a súa sabedoría e o seu amor pola natureza, descubrindo o alumnado a contorna que os rodea así como os traballos tradicionais que pouco a pouco van desaparecendo. É un retrato dos ritmos da vida co campo e do valor da súa transmisión.

Próximos eventos Ver axenda