Mesa redonda «Celebrando a Chichi Campos polo Día da Ilustración», con Nico Campos, Xosé Díaz e Antón Mascato

Data
Luns, 29 de xaneiro de 2024
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O luns, 29 de xaneiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha mesa redonda para conmemorar o Día da Ilustración, titulada «Celebrando a Chichi Campos polo Día da Ilustración», na que participarán Nico Campos, director do documental Chichi e mais eu; Xosé Díaz, deseñador gráfico; e Antón Mascato, editor.

Nico Campos, fillo de Chichi Campos, ten desenvolvido actividades como comisario, guionista e director de cine e curtametraxes, ademais de documentais, videoclips e algún spot de televisión. Expresidente do sindicato de guionistas de Galicia e da asociación Encuentro de Guionistas, escribiu en series de ficción e realizou en directo concertos como o de Offspring, Bebo Valdés, Prodigy ou o Padre Jony, téndose posto vídeos seus en lugares como o CGAC, o MARCO ou o Cículo de Belas Artes de Madrid. Chichi e mais eu é o seu segundo documental despois de Toñito Blanco: Só, perdido e vicioso, formando unha biloxía sobre figuras da cultura galega desaparecidas na década dos noventa antes de cumprir corenta anos. En conmemoración ao seu pai, reescribiu unha nova edición do libro Estampas do mundo elegante (1992), no que recolle a figura e obra de Chichi Campos. 

Xosé Díaz Arias de Castro, deseñador gráfico fillo de Isaac Díaz Pardo, formouse na Universidade de Santiago de Compostela en Filosofía e Letras. En 1968 realiza os primeiros deseños cerámicos para o Grupo Sargadelos, da man de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. Posteriormente, este último encoméndalle a secretaría do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, para a súa organización e dinamización. Entre 1974 e 1989 foi director de arte de Ediciós do Castro. Fundou, xunto a Chichi Campos, o Grupo de Cómic do Castro e o estudo de deseño BCD Asociados, ademais do Grupo Revisión Diseño SL e Imago Mundi Deseño SL, tendo realizado numerosos traballos de deseño editorial, corporativo e expositivo para diversas sociedades e institucións de todo o estado español. Recibiu o Premio de Pintura Cidade da Coruña 1980, tendo realizado exposicións individuais de pintura en Madrid, Barcelona, Santander, Vigo e A Coruña, actividade que abandona posteriormente para dedicarse plenamente ao deseño. En 1996, logo de ser nomeado testamenteiro da viúva de Luís Seoane, impulsa a creación da Fundación Luís Seoane, da que foi o seu primeiro director e membro vitalicio do seu padroado, sendo nomeado en 2015 vicepresidente desta institución. En 2016 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes.

Antón Mascato estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela. Foi o responsable do obradoiro gráfico de A Nosa Terra nos anos nos que Chichi Campos era colaborador do semanario. En 1982, con Pepe Carreiro, fundou a revista de humor gráfico e literario Can sen Dono, da que foi o seu editor e na que Chichi Campos colaborou en todos os números publicados entre 1983 e 1989. Foi director de Produción de Ir Indo Edicións e director xeral de Edicións do Cumio e de Nova Galicia Edicións, acumulando un total de corenta anos dedicados ao sector editorial. Tamén foi codirector, con Isaac Díaz Pardo e Víctor F. Freixanes, do Proxecto Século XXI, de materiais de referencia pedagóxica para a lingua e a cultura galega. Autor de varias obras, destacan a súa investigación da crónica política do seu concello natal, O Grove, e a primeira biografía sobre Francisco Fernández del Riego. É colaborador de Nós Diario, Faro de Vigo e o Jornal de Letras, Artes e Ideias de Lisboa.

Próximos eventos Ver axenda