Conferencia «O impacto das pantallas na adolescencia. Quen lle pon o cascabel ao gato?» de Antonio Rial
- Data
- Luns, 15 de xaneiro de 2024
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O luns, 15 de xaneiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia titulada «O impacto das pantallas na adolescencia. Quen lle pon o cascabel ao gato?», que estará impartida por Antonio Rial, Doutor en Psicoloxía Social e profesor da Universidade de Santiago de Compostela.
Antonio Rial Boubeta é Doutor en Psicoloxía Social e profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Autor de máis de 140 artigos en revistas científicas de impacto internacional e director de 21 teses de doutoramento, foi responsable de numerosos proxectos de investigación no eido da mocidade e as adiccións, dende o uso problemático de Internet, as redes sociais e o ciberbullying até o consumo de alcohol e substancias. É membro do Alto Comisionado da UNESCO para a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso a nivel mundial. Dirixiu o «Estudio sobre el impacto de la Tecnología en la adolescencia», levado a cabo por UNICEF-España cunha mostra de máis de 50.000 estudantes de secundaria, que é a día de hoxe un dos traballos científicos de maior envergadura feitos en Europa sobre o tema. O curso pasado dirixiu tamén o estudo «Adolescencia, Tecnoloxía, Saúde e Convivencia», da man da Fundación Barrié, na que participaron 10.000 adolescentes galegos. Ten publicado os seus traballos nalgunhas das mellores revistas internacionais no eido da adolescencia, a saúde mental e as adiccións, como Psychiatry Research, Addictive Behaviors, Journal of Gambling Studies, Computers in Human Behavior ou Cyberpsyhology. Colabora dende hai anos con centros de investigación de referencia internacional, como o Center for Adolescent Behavioral Health Research (da Universidade de Harvard), o Cognitive and Affective Regulation Laboratory (da Universidad de Lausanne) ou o DCU Anti-Bullying Centre (de Irlanda), así como tamén é colaborador habitual de diferentes medios de comunicación, tanto prensa, como radio e TV. En 2022 foi galardoado coa Nécora de Ouro da Fundación Galega contra o Narcotráfico (polo seu labor na prevención das adiccións na mocidade) e en 2023 co Premio Iacobus da Educación, ano no que tamén foi distinguido como Colexiado do Ano polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.