O RETORNO DAS MUSAS. Romances, bailes, tons e seguidillas entre as tradicións oral e escrita (ARS ATLÁNTICA / VANESA MUELA)

Data
Venres, 20 de outubro de 2023
Horario
20.00h
Lugar
Teatro Principal
Máis información

Entrada individual: 10€+gastos de xestión

Abono 6 concertos: 40€+gastos de xestión

Venda de entradas

Web Ateneo Barroco

Compartir

O RETORNO DAS MUSAS
Romances, bailes, tons e seguidillas entre as tradicións oral e escrita
ARS ATLÁNTICA
VANESA MUELA  voz / percusión
MANUEL VILAS  arpa de dúas ordes
Teatro Principal
Venres 20 outubro 2023
20.00h

Incansable investigador, sensible artista e magnífico arpista, o compostelán Manuel Vilas é responsable da segunda das estreas desta quinta edición do Festival Ateneo Barroco. Manuel Vilas traballa hai máis de dúas décadas no máis ambicioso e frutífero proxecto de recuperación e gravación relacionado cos tons e toadas do barroco español. Con este novo proxecto, O retorno das musas, Manuel Vilas dá un paso máis adiante e quere achegar ao público actual un tipo de intérprete moi concreto que tivo unha ampla aceptación e difusión no barroco hispano: mulleres que, cunha sólida e moi ben asentada formación musical e teatral, foron auténticas iconas da interpretación nos escenarios do Século de Ouro. Cómplice compañeira de viaxe neste proxecto de Ars Atlántica, conxunto fundado por Manuel Vilas en 2007, é unha das grandes voces da música tradicional castelá, así mesmo gran percusionista e profunda coñecedora da música popular, a respectada e admirada Vanesa Muela. Vanesa Muela comezou a cantar aos catro anos de idade e aos seis xa realizou o primeiro dos seus máis de 4000 concertos en festivais en toda Europa e Iberoamérica. Cantante e multiinstrumentista, é licenciada en Historia pola Universidade de Valladolid e especialista en Estudos sobre a Tradición, ten recibido múltiples premios, méritos e recoñecementos ao longo da súa carreira e foi elixida para interpretar pezas inéditas na presentación do Fondo de Música Tradicional do CSIC na Biblioteca Nacional de España. Con O retorno das musas de Ars Atlántica, neste caso en forma de dúo con Vanesa Muela e Manuel Vilas, atopámonos ante un campo aberto para demostrar a proximidade das cancións saídas da tradición e de moitas das grandes obras do barroco musical hispano.

PROGRAMA

Entrada de sarao (Luis Briceño)

Tres toadas anónimas (s. XVII):
Caracoles me pide la niña
Marizápalos
No hay más Flandes

Improvisación sobre las jácaras

Romance de Rosa Fresca (tradicional, s. XVI)
Ay de mi ganadito (Tonada de Juan Serqueyra)
Seguidillas manchegas (anónimo, s. XVII)

Españoletas
Danza de hachas
Zarabanda
(Lucas Ruiz de Ribayaz, s. XVII)

Romance de cómo Amón se enamoró de su hermana Thamar 
(tradicional, s. XVI-XX)
Ay que soy tamborilero (Tonada anónima, s. XVII)

Minuet del diablo
Folías
(anónimos, s. XVII)

Una niña pregono (Anónimo)
Villanos (Danzas de paloteo, s. XVI-XIX, tradicional de Zamora)

VANESA MUELA  voz / percusión
Comezou a cantar aos catro anos de idade e aos seis xa realizou o seu primeiro recital, no Teatro San Viator de Valladolid, cantando en directo doce cancións tradicionais. Aválana os seus máis de 4000 concertos en festivais de toda España, diversos países de Europa, como Francia, Portugal, Grecia, Italia, Alemaña, Austria, Suecia ou Albania, Asia e Iberoamérica. Vanesa Muela é unha cantante e multiinstrumentista que bebe directamente do zume da tradición, a raíz e a pureza das músicas de outrora. É capaz de amosar en cada un dos seus concertos a alma das cancións tradicionais que aprendeu directamente das persoas maiores. Transmite coma ninguén esa maxia, esa enerxía e ese sentimento que ten a música do pobo, esa sabedoría ancestral que Vanesa Muela é capaz de compartir co público dun xeito divertido, ameno e interesante. En cada concerto propón unha viaxe a través dos sentidos da man das toadas de xotas, fandangos, seguidillas, lixeiros, agarraos, charradas ou corridos, ao son das pandeiretas, pandeiros, cunchas, culleres, guitarras, cribas, etc. É Licenciada en Historia pola Universidade de Valladolid e especialista en Estudos sobre a Tradición. Recibiu múltiples premios, méritos e recoñecementos ao longo da súa carreira, entre os que cómpre salientar o Premio á “Pureza Interpretativa”, concedido pola Deputación de Valladolid en 1993; o Premio Nacional de Etnoloxía “Cultura Viva”, outorgado polo CSIC na súa XV edición (2006), premio que por primeira vez na historia recaía nunha muller tan nova, tan só vinte e sete anos; o Premio Nacional FACYDE (Federación de Agrupacións de Grupos de Coros e Danzas de España 2019);ou o Premio Nacional de Folclore. Foi elixida para interpretar pezas inéditas na presentación do Fondo de Música Tradicional do CSIC na Biblioteca Nacional de España. O repertorio de Vanesa Muela nútrese das nove provincias de Castela e León: nanas, cantos de traballo, cantos de Nadal, cancións de Entroido, cantos de voda, rondas, romances, cancións infantís, cancións de baile, etc. Nos seus concertos interpreta ritmos de Xotas, Fandangos, Seguidillas, Corrido, Charros, Charradas, Lixeiros, Agarraos, Chanos e Garruchas. Conta no seu haber con doce gravacións discográficas e unha infinidade de colaboracións con grupos de música folk e tradicional de toda España.

MANUEL VILAS  arpa de dúas ordes
Nado en Santiago de Compostela, formouse en arpas antigas dos séculos XII ao XVIII, en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Ten colaborado con numerosos grupos e, como solista, nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Italia, Cuba, Estados Unidos, Ecuador, República Checa, Austria, Noruega, Portugal, Suíza, Paraguai, Francia, Bolivia, Bélxica, Arxentina, Chile, Países Baixos, Colombia, Hungría, etc., ademais de ofrecer conferencias, cursos e clases maxistrais. Realiza concertos como solista con programas centrados na música barroca española, americana e italiana e ten colaborado, como acompañante e solista, en máis de 100 discos con diferentes conxuntos e discográficas. Foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española en Estados Unidos e en Cuba. Foi asesor no proxecto patrocinado pola Generalitat Valenciana de recuperación dos instrumentos dos frescos da Catedral de Valencia. Unha das súas máis ambiciosas investigacións é a recuperación e gravación de varios proxectos relacionados cos tons humanos, un tipo de canción ou toada profana do século XVII español do que xa ten publicado varios compactos: toadas de Sebastián Durón coa soprano Raquel Andueza (Naxos), Tons á arpa coa mezzosoprano Marta Infante (Enchiriadis), tons de José Marín xunto ao tenor Félix Rienth e un cuarto dedicado ao Manuscrito Contarini, conservado na Biblioteca Marciana de Venecia. É director artístico do proxecto de gravación dos 100 tons do Manuscrito Guerra (s. XVII), manuscrito do século XVIII que investiga dende hai máis de quince anos e cuxa gravación integral publica a discográfica Naxos en 6 discos compactos. Así mesmo, é pioneiro no estudo de certo tipo de arpas hoxe totalmente esquecidas, como a arpa xesuítica chiquitana (Bolivia, s. XVIII), a arpa dobre que circulaba pola Coroa de Aragón no século XIV e, recentemente, presentou no Festival de Música e Musicoloxía Iberoamericana o seu estudo sobre a arpa no Virreinato do Perú e a reprodución da arpa de Santiago Apóstolo de Huachacalla (Oruro, Bolivia, s. XVIII). Foi convidado a representar a España no VI Festival Mundial de Arpa en Asunción (Paraguai) sendo o primeiro arpista en ofrecer un recital de arpa de dúas ordes neste país. En 2007 funda o conxunto Ars Atlántica, que se presenta no festival Via Stellae coa estrea, en tempos modernos, das cantatas procedentes do palacio que a familia Contarini posuía preto de Venecia, e cuxa gravación, xunto á mezzo Marta Infante, foi galardoada en Holanda co premio “prelude classical music” como un dos mellores discos de música antiga de 2010.Unha das súas especialidades é ofrecer recitais con cantantes e ten acompañado a Marta Infante, Guillemette Laurens, Raquel Andueza, Maria Jonas, Isabel Monar, Juan Sancho, Roberta Invernizzi, Olalla Alemán, Mercedes Hernández, María del Mar Fernández Doval, Mariví Blasco, José Antonio López, Isabel Álvarez, Francisco Fernández Rueda, Yetzabel Arias, Mónica Piccinini, etc. Forma dúo estable coa cantante Paloma Gutiérrez del Arroyo, dúo dedicado ás músicas monódicas do medievo que xa publicou o compacto Chantador de joi d`amor sobre a figura do trobador Bernart de Ventadorn (editado polo selo holandés Etcétera). Recentemente ofreceu na Escola Superior de Canto de Madrid un curso especializado en tons humanos do século XVII, presentou na American Society of New York o seu traballo sobre o himno cuzqueño dos séculos XVI ao XIX e gravou 24 tons do Cancioneiro da Sablonara, xunto ao conxunto Vandalia, proxecto financiado pola Fundación BBVA, e Compendio Numeroso, o primeiro monográfico dedicado ao arpista Diego Fernández de Huete, para a prestixiosa discográfica Paraty. Actualmente é profesor de arpa medieval no CIMM (Centro Internacional de Música Medieval de La Valldigna).Posúe a súa propia canle de youtube, onde se pode ver e escoitar parte do seu proxecto audiovisual no que amosa diversas arpas antigas en diferentes localizacións de Santiago de Compostela (ArpaManuelVilas).

Próximos eventos Ver axenda