ABEL #300. A viola da gamba no terceiro centenario de Karl Friedrich Abel (SARA RUIZ)
- Data
- Mércores, 4 de outubro de 2023
- Horario
- 20.00h
- Lugar
- Igrexa da Universidade
- Máis información
Entrada individual: 10€+gastos de xestión
Abono 6 concertos: 40€+gastos de xestión
ABEL #300
A viola da gamba no terceiro centenario de Karl Friedrich Abel
SARA RUIZ viola da gamba
Igrexa da Universidade
Mércores 4 outubro 2023
20.00h
Karl Friedrich Abel pasou á posteridade como un dos últimos gambistas. Virtuoso do seu instrumento, Abel viviu a plenitude do Barroco e da arte da improvisación e experimentou nas súas composicións a revolución dunha nova linguaxe musical, a do Clasicismo. Música de talento sobresaínte, dinámica e emprendedora, a gambista Sara Ruiz atópase inmersa no proceso de recuperación, revalorización, interpretación e gravación da obra integral para viola da gamba coñecida de Karl Friedrich Abel, que presenta en primicia no Festival Ateneo Barroco, ao que regresa cunha nova estrea tras presentar na segunda edición do festival as recentemente descubertas fantasías para viola de G. P. Telemann. Karl Friedrich Abel creou unha obra irrepetible na que con experimentación, espontaneidade e inventiva infinita consegue que todas as paixóns humanas se transmitan a través do particularmente fermoso son da viola da gamba. O novo proxecto de Sara Ruiz preséntase neste Festival Ateneo Barroco 2023 coincidindo coa conmemoración do 300 aniversario do nacemento en Köthen de Karl Friedrich Abel, un compositor e instrumentista que foi alumno de Johann Sebastian Bach en Leipzig e que fixo carreira en Londres como compositor e tamén como empresario, chegando a fundar unha serie de concertos xunto a un dos máis coñecidos fillos de Bach, Johann Christian. Formada con violagambistas do prestixio de Rolf Lislevand e Vittorio Ghielmi, Sara Ruiz ten colaborado con ensembles de música antiga da categoría de Amsterdam Baroque Orquestra, Al Ayre Español, Armonico Tributo Austria, Orquestra Barroca de Sevilla, La Grand Chapelle, La Tempestad, La Cetra Barockorquestra, etc. Como docente foi profesora no Conservatorio Superior de Sevilla e impartiu clases maxistrais no Mozarteum de Salzburgo, Lyon, Wroclaw, Vicenza, Graz, etc., e, na actualidade, compaxina o seu labor docente no Conservatorio Superior de Vigo cunha intensa actividade concertística. Música versátil e comprometida, é directora do seu propio ensemble, La Bellemont, e do Consort de Violas da Universidade de Salamanca e colabora como profesora de viola da gamba na orquestra infantil Son das Flores, un proxecto que busca a transformación social e persoal a través da música en Vigo.
PROGRAMA
Karl Friedrich Abel (1723-1789)
Manuscrito Drexel
pezas en Re Maior
Allegro, WKO 186
(Andante), WKO 187
Vivace, WKO 190
Adagio, WKO 189
Tempo di minuet, WKO 188
pezas en La Maior
Petit prelude
Allegretto, WKO 211
Allegro, WKO 212
pezas en re menor
(Arpeggio), WKO 205
(Menuet), WKO 206
Allegro, WKO 207
(Andante), WKO 208
Adagio, WKO 209
pezas en Re Maior
(Preludio arpeggiato), WKO 194
Andante, WKO 191
(Vivace), WKO 192
Tempo di minuet, WKO 200
Tempo di minuet, WKO 201
SARA RUIZ viola da gamba
Sara Ruiz comeza os seus estudos de viola da gamba con Itziar Atutxa e Pere Ros. Trasládase a Sevilla, onde continúa a súa formación con Ventura Rico e obtén o Título Superior, ao tempo que comeza unha carreira concertística. Asiste a cursos de perfeccionamento con Jordi Savall, Christophe Coin e Philippe Pierlot. En 2004 trasládase a Trossingen (Alemaña) para estudar na súa Musikhochschule, onde cursa un posgrao nas especialidades de viola da gamba e música de cámara con Lorenz Duftschmid e Rolf Lislevand, respectivamente; paralelamente (2003-2007), realiza estudos de perfeccionamento en Lugano (Suíza) con Vittorio Ghielmi. Ademais, realiza un máster en investigación musical centrado na Interpretación Retoricamente Informada. En 2006 gaña o terceiro premio absoluto, así como o premio especial á mellor interpretación da música de K. F. Abel, no concurso Bach-Abel de Köthen (Alemaña), cun xurado composto por mestres como Wieland Kuijken, Paolo Pandolfo ou Marianne Muller. Ten colaborado con ensembles de música antiga como Amsterdam Baroque Orquestra, Al Ayre Español, Armonico Tributo Austria, Orquestra Barroca de Sevilla, La Grand Chapelle, La Tempestad, La Cetra Barockorquestra, La Reverencia, etc. O seu primeiro disco como solista, La voix de la viole, gravado co seu ensemble La Bellemont obtivo eloxiosas críticas, así como a distinción “5 diapasóns” da revista francesa Diapason. O seu segundo disco con La Bellemont, titulado Plaisir sacré, e dedicado aos Petit Motets de Couperin, foi nomeado aos premios ICMA (International Classic Music Awards). En 2023 sairá á luz a súa gravación da obra para viola da gamba e baixo continuo de François Couperin. Entre os seus proxectos más recentes cómpre salientar a gravación das recentemente descubertas Fantasías para viola da gamba de G. P. Telemann. Foi profesora de viola da gamba no Conservatorio Superior de Sevilla e impartiu clases maxistrais no Mozarteum de Salzburgo e nos conservatorios de Lyon (Francia), Wroclaw (Polonia), Brescia, Vicenza e Fiesole (Italia) e Graz (Austria). Ademais, ten ensinado viola en cursos como o Primeiro Encontro Ibérico de Viola da Gamba (Porto, Portugal), no curso de Música Antiga de Galaroza (España) e no Forum Alte Musik de Sankt Gerold (Austria). Dende 2018 é directora do consort de violas da gamba da Universidade de Salamanca. Coa súa clase de viola de Vigo forma parte do proxecto Violanet, un consorcio europeo para a difusión da viola da gamba en colaboración con gambistas da categoría de Vittorio Ghielmi, Bettina Hoffmanm, Marianne Muller e Mieneke van der Velden. Na actualidade compaxina o seu labor docente no Conservatorio Superior de Vigo cunha intensa actividade concertística. Ademais, colabora como profesora de viola da gamba na orquestra infantil Son das Flores, un proxecto que busca a transformación social e persoal a través da música en Vigo.
