Excursión a Ridimoas, Pena Corneira e Pazos de Arenteiro
- Data
- Sábado, 30 de setembro de 2023

O Ateneo Viaxeiro organiza, se o tempo o permite, o sábado, día 30 de setembro, unha visita á paraxe natural do Monte de Ridimoas, o monumento natural de Pena Corneira e Pazos de Arenteiro, situados en pleno corazón da comarca do Ribeiro de Avia, nos concellos de Beade, Carballeda de Avia e Boborás, respectivamente.
O Monte de Ridimoas é un espazo recuperado de centos de hectáreas de monte protexido, un auténtico santuario da flora e da fauna da zona. Todo empezou en 1977 cando o actual presidente, Pablo Rodríguez Fernández (Oitabén), decide impulsar a actividade extraescolar «Aula Verde» da antiga Universidade Laboral de Ourense. En 1988 a «Aula Verde» recibe o premio nacional: Ano Europeo de Medio Ambiente, patrocinado por Plus Ultra. Dito premio dotado con 500.000 pts permitiu fundar a Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas, coa intención de mercar as terras que conforman o espazo forestal ribeirán de Ridimoas. Dende entón a asociación vén comprando terreos, unha hectárea por ano, controlando un total de cerca de 300 hectáreas acollidas á figura de protección de Refuxio de Fauna.
O labor conservacionista levado a cabo por Ridimoas nos 45 anos de existencia foi recoñecida con moitos premios, entre os que destacan: Unesco, Bandeira Verde de Galicia e «Félix Rodríguez de la Fuente». Na actualidade está formada por 1.158 socios/as de todo o mundo que pagan unha cota mínima de 20 € ao ano, que os converten en propietarios fiscais das terras adquiridas. O climax do bosque estaría formado por carballeira de Queus robur e Quercuspyrenaica con sotobosque de rascacú (Ruscus aculeatus), édo (Arbutus unedo), distintas especies de fentos, etc; con pés relictos de cerdeira de acios (Prunus padus).

Lindante con Ridimoas, Pena Corneira está situada no municipio de Carballeda de Avia. Trátase dunha prolongación ao noroeste da serra do Suído, entre as concas dos ríos Avia e Miño. Xeoloxicamente trátase dunha masa plutónica batolítica de 18 quilómetros en sentido meridiano e 7 quilómetros en sentido suroeste-nordés de hai aproximadamente uns 300 millóns de anos. O batólito constitúeno rochas graníticas hercinianas poscinemáticas, de composición xeral calcoalcalina e subalcalina, coa presenza de granitos biotíticos e granodioritas biotítico-anfibólicas, aínda que non todo o macizo presenta facies similares. A diferenciación cristalina deu lugar a diferenzas na evolución xeomorfolóxica que fixeron posible a existencia do macizo e as súas formacións asociadas: cristas graníticas, domos alvéolos, corredores deprimidos, caos de bólos, pías (pot holes,gnammas), etc.

PLAN DE VIAXE:
9.30h. Saída en autocar dende a Rúa da Rosa de Santiago.
11.00h. Chegada a As Regadas (Beade). Visita ao Monte Ridimoas a través do antigo camiño do viño que une Beade con As Regadas, percorréndoo en sentido inverso, cunha caída en lixeira pendente, para facelo sen grandes esforzos. Teremos que percorrer camiñando un tramo do vello camiño real, cun total duns 2 quilómetros, sen grandes dificultades, pero utilizando un calzado apropiado e cómodo. A corredoira discorre entre arbolado. Chegaremos á Igrexa de Beade e, dende alí, os que se sintan con forzas, baixarán ata o muíño medieval de Ridimoas. Os que queiran poden agardar no adro da Igrexa.
12.45h. Visita á Igrexa, calvario e conxunto da Encomenda de San Xoán de Xerusalén. O conxunto arquitectónico da igrexa e da Encomenda de Beade, garda un dos máis impresionantes calvarios de Galicia, estudado por Otero Pedrayo e debuxado por Castelao. No interior da igrexa poderemos contemplar o altar barroco e unha ducia de pezas escultóricas de Francisco de Moure (S.XVII) xunto co importante conxunto funenario medieval.
13.30h. Saída en autocar con rumbo a Pena Corneira, efectuando unha visita ao exterior da capela románica de Santa María de Lamas e subindo ata o Mirador de Pena Corneira (difucultade media).
14.30h. Xantar a través dun catering que será servido na área recreativa de Pena Corneira. (Se chove ou fai demasiado frío ese día, trasladaremos o xantar ás instalacións dunha bodega en Beade).
17.30h. Visita á aldea histórica e encomenda de Pazos de Arenteiro (Boborás).
18.30h. Regreso a Santiago de Compostela.
20.00h. Chegada á Rúa da Rosa.

O prezo da viaxe será aproximadamente de 45€ por persoa, incluíndo autobús, xantar e visitas, e os cales se aboarán directamente o mesmo día da visita. As persoas que non sexan socias do Ateneo deberán pagar un suplemento de 15€. As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o domingo, 24 de setembro, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as ateneístas.