CANTATAS DE HAENDEL: ARMIDA E AGRIPPINA. A intérprete vocal, inspiración e expresión (JONE MARTÍNEZ / CAMERATA BOCCHERINI)

Data
Luns, 16 de outubro de 2023
Horario
20.00h
Lugar
Salón Teatro
Máis información

Entrada individual: 10€+gastos de xestión

Abono 6 concertos: 40€+gastos de xestión

Venda de entradas

Web Ateneo Barroco

Compartir

CANTATAS DE HAENDEL: ARMIDA E AGRIPPINA
A intérprete vocal, inspiración e expresión
JONE MARTÍNEZ  soprano
CAMERATA BOCCHERINI
MASSIMO SPADANO  violín / dirección
ADRIÁN LINARES violín
FERNANDO SANTIAGO violoncello
ROSALÍA GÓMEZ LASHERAS  clave 
Salón Teatro
Luns 16 outubro 2023
20.00h

Sen dúbida, unha das fontes inesgotables de inspiración da historia da música é a dun dos grandes mestres e xenios do Barroco, Georg Friedrich Haendel. Músico viaxeiro e emigrante emprendedor cun excepcional talento para o teatro e o drama, Haendel soubo explorar como poucos os recursos técnicos e expresivos da voz, non só na ópera, senón xa dende o principio da súa carreira a través das cantatas italianas que o Festival Ateneo Barroco presenta nunha colaboración da experimentada Camerata Boccherini que o violinista Massimo Spadano fundou hai xa dúas décadas en Galicia xunto ao emerxente talento da soprano vasca Jone Martínez. Do período italiano de Haendel datan as dúas grandes cantatas inspiradas nas míticas Armida e Agrippina, fermosas, dramáticas e esixentes obras compostas con moita probabilidade para as voces da soprano Margherita Durastante e do castrado Pasqualino Tiepoli, respectivamente, que serán magnificamente postas en contexto neste programa por pezas de cámara e sonatas de figuras musicais italianas da época como Antonio Vivaldi, Arcangelo Corelli e Michele Mascitti.

PROGRAMA

Georg Friedrich Haendel (1685-1759)
Sonata para dous violíns e baixo continuo en La maior op. 5 nº 1
          Andante/Adagio - Allegro/Adagio - Larghetto - Allegro - Gavotte/Allegro

Antonio Vivaldi (1678-1741)
Trío Sonata para dous violíns e baixo continuo en re menor op. 1 nº 12 “La Folia” RV 63

Georg Friedrich Haendel (1685-1759)
Cantata para soprano e cordas HWV 105 “Armida Abbandonata”
          Accompagnato “Dietro l’orme fugaci”
          Aria “Ah! Crudele, e pur ten vai”
          Recitativo “Per te mi struggo, infido”
          Recitativo accompagnato “Oh voi, dell’inconstante e procelloso”
          Aria “Venti, fermate”
          Recitativo “Ma che parlo, che dico?”
          Aria “In tanti affanni miei asistimi almen”

Michele Mascitti (1664-1760)
Sonata para violín e baixo continuo en mi menor op. 3 nº 4
          Allemanda (Largo) - Corrente (Allegro - Largo) - Gavotta (Allegro)

Arcangelo Corelli (1653-1713)
Sonata de cámara para dous violíns e baixo continuo op. 4 nº 10
          Adagio/Allegro/Adagio - Grave - Presto: tempo di gavotta

Georg Friedrich Haendel (1685-1759)
Cantata para soprano e cordas HWV 110 “Agrippina condotta a morire”
          Recitativo “Dunque sarà pur vero”
          Aria “Orrida, oscura, l’etra si renda”
          Recitativo “Ma pria che d’empia morte”
          Aria “Renda cenere il tiranno”
          Recitativo “Sì, sì, del gran tiranno”
          Arioso e recitativo “Come, o Dio! bramo la morte”
          Aria “Se infelice al mondo vissi”
          Recitativo “Trema l’ingrato figlio”
          Aria “Su, lacerate il seno”
          Recitativo “Ecco a morte già corro”

JONE MARTÍNEZ  soprano
Natural de Sopela (Euskadi), comezou a súa formación vocal con Olatz Saitua no Conservatorio Juan Crisóstomo de Arriaga de Bilbao. É licenciada en Pedagoxía de Linguaxe Musical e Educación Musical e graduada en Interpretación / Canto con Maite Arruabarrena e Maciej Pikulski en Musikene, Conservatorio Superior de Música do País Vasco, onde recibiu o Premio Fin de Estudios Kutxa ao mellor expediente en interpretación clásica de Musikene. Así́ mesmo, continuou a súa formación vocal e musical con Carlos Mena. Colabora coas principais orquestras de España e actúa nos festivais, teatros e auditorios máis importantes; sendo convidada tamén por conxuntos e orquestras de Europa. Durante a última tempada interpretou a obra escénica Vivaldi, poema para corda e dúas voces, baixo a dirección escénica de Calixto Bieito; Stabat Mater de Pergolesi, xunto a La Cetra Barockorchester, dirixida por Andrea Marcon, en Basilea; lieder de Grieg e Stabat Mater de Pergolesi en concerto de tempada da Orquestra de Córdoba, baixo a dirección de Carlos Mena; o programa Sur e Norte con obras de Pergolesi e Vivaldi, xunto a Enrico Onofri e a Orquestra Barroca de Sevilla; a estrea en tempos modernos da ópera Ifigenia de Coccia no Palacio Real de Madrid, xunto á Orquestra Barroca da Universidade de Salamanca e Alfredo Bernardini; Orfeo ed Euridice de Gluck, en versión concerto, coa Sinfónica de Galicia, dirixida por Carlos Mena; a Novena Sinfonía de Beethoven, co Coro e Orquesta de RTVE, dirixida por Pablo González; A Paixón segundo San Xoan de Bach, xunto a CORTVE e Carlos Mena; debutou coa orquestra Robert Schumann Philarmonie no Stadthalle-Sall de Chemnitz (Alemaña), interpretando a Sinfonía a Granada de Palomo, baixo a dirección de Guillermo García Calvo; e interpretou Carmina Burana de Orff nos principais auditorios e teatros de Euskadi coa Euskadiko Orkestra e a dirección de Pablo González.

CAMERATA BOCCHERINI
Creada polo violinista italiano Massimo Spadano, a Camerata Boccherini foi fundada na Coruña como un ensemble de formato variable coa vontade de afondar na tradición musical precedente e presentala ao público actual sobre o escenario. A Camerata Boccherini ten actuado en prestixiosos ciclos de concertos e festivais como o Ciclo de Música Antiga, Barroca e Clásica do Auditorium de Tenerife, o ciclo Liceo de Cámara do Auditorio Nacional de Madrid cun programa de músicas de Weber, Schönberg e Beethoven, no Festival de Música Antiga dos Pirineos, no Festival de Órgano de León, no festival Terra sem sombras (Portugal), etc. Proximamente actuará en Portugal, Pontevedra e Barcelona. A Camerata Boccherini ten gravado coa discográfica Naxos, que editou a súa interpretación de tres cuartetos de Juan Crisóstomo de Arriaga. 

MASSIMO SPADANO  violín / dirección
Nado en Lanciano (Italia), estudou en Italia e Holanda baixo a tutela de Viktor Libermnan e Philippe Hirschhorn. Como concertino e solista actuou en distintas formacións nas máis importantes salas de Europa, Estados Unidos, Sudamérica, Asia, África e Oriente Medio. Ten actuado nos festivais e tempadas de Berlín, Salzburgo, Milán, París, Madrid, Roma, Montpellier, Wiesbaden, Ámsterdam, Florencia, Barcelona, Múnic, Napflion, etc., con músicos e artistas da categoría de Victoria Mullova, Maxim Vengerov, Katia e Marielle Labéque, Christian Zacharias, Enrico Dindo, Alexander Lonquich, así como con Gérard Depardieu e Alessandro Baricco. Dedica gran parte da súa actividade á música antiga con instrumentos orixinais e á súa investigación, participando na edición de numerosos volumes de música barroca coa Camerata Anxanum, orquestra italiana da cal é membro fundador. Dende 1994 é concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia e, sempre como concertino, colabora con outras orquestras como Orchestra Mozart (dirixida por Claudio Abbado), Orchestre National de Lyon, Accademia di Santa Cecilia de Roma, Orchestre de Chambre de Lausanne, Orquestra Cidade de Granada, Sinfónica de Tenerife ou as orquestras do Teatro do Liceo e Teatro Real. Ten colaborado con grupos barrocos como Ensemble Baroque de Limoges (Christophe Coin), Ensemble Zefiro, Hesperion XX e Le Concert de Nations (Jordi Savall), coa Chambre Philarmonique dirixida por Emmanuel Krivine e Orfeo 55 con Nathalie Stutzman. Gravou para os selos Deutsche Grammophone, Sony, Opus 111, Bongiovanni e Auvidis Astrèe, recibindo un “Choc Musique”. Coa Camerata Boccherini, ensemble fundado por el mesmo, gravou os tres cuartetos de Juan Crisóstomo de Arriaga para o selo Naxos e co Ensemble Zefiro dous compactos de concertos de Mozart e de Fasch para Harmonia Mundi. Diplomado en dirección de orquestra en Italia co mestre Donato Renzetti, dende 1995 é director musical e artístico da Orquestra de Cámara da Sinfónica de Galicia e dirixiu tamén a Academy of Ancient Music, Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquestra Cidade de Granada, Orquestra Sinfónica do Vallés, Orquestra do Norte de Portugal, Pforzheim Kammer Orchester, Orquestra Sinfónica de Sanremo, Orquestra Sinfónica de Bilbao, Georgish Kammerorchester, Orquestra de Extremadura, etc. No Festival Rossini de Bad-Wilbad dirixiu a ópera Ser Marcantonio de Stefano Pavesi, que recentemente editou en compacto Naxos. Massimo Spadano toca cun violín Josephum Contreras de 1755 e un Joseph Albani (ca. 1700). 

Próximos eventos Ver axenda