Conferencia «Unha mirada europea sobre o futuro das universidades españolas» de Francisco Michavila

Data
Luns, 2 de outubro de 2023
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O luns, 2 de outubro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago, ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia titulada «Unha mirada europea sobre o futuro das universidades españolas», que estará impartida por Francisco Michavila, Catedrático emérito da Universidade Politécnica de Madrid.

Francisco Michavila, nacido en Castellón de la Plana, de onde é Fillo predilecto (2022), é Enxeñeiro de Minas pola UPM (1970), diplomado en Enxeñería Nuclear polo Instituto de Estudios Nucleares da Junta de Energía Nuclear (1971), cursou estudos avanzados en Matemática Aplicada na Sorbona (1972) e doutorouse con premio extraordinario na UPM (1974). Profesor na Escola Superior de Enxeñería de Minas da UPM dende 1972, ocupou a cátedra de Matemática Aplicada en 1980, asumindo a dirección da Escola dende 1984 ata 1990. En 1991 foi nomeado Reitor da Univ. Jaume I de Castellón, cargo que ocupou ata 1993. En 1995 asumiu o cargo de Secretario Xeral do Consello de Universidades. En 1997 volveu á UPM recuperando a súa cátedra e ocupando o cargo de Director da Cátedra Unesco de Política e Xestión Universitaria. Foi profesor invitado en numerosas universidades tanto españolas como francesas, alemanas e inglesas. Na actualidade é profesor emérito da UPM. Entre as moitas honras que orlan a súa figura cabe destacar que está en posesión da Gran Cruz da Orde de Afonso X o Sabio, concedida polo Gobierno de España, e da medalla de Ouro da Universitat Jaume I. É Officier dans l’Ordre National du Mérite da República Francesa, académico numerario da Academia Europea de Ciencias e Artes, membro de Honra da Asociación Alexander von Humboldt e membro do Club de Roma e das Xuntas Directivas da Sociedad Española de Métodos Numéricos en Ingeniería e da Corporación de Antigos Alumnos da Institución Libre de Enseñanza. Tamén foi membro do Conseil d’Evaluation Scientifique des activités de recherche des Écoles Nationales Supérieures des Mines et des Écoles Nationales Supérieures des Industrielles et des Mines de Francia. No referente á conferencia que impartirá no Ateneo, cabe destacar que é membro do Comité Científico para Europa e Norteamérica do Foro UNESCO sobre Educación Superior, Investigación e Coñecemento. Ademais dos seus numerosos traballos e achegas no ámbito da Matemática Aplicada, no ámbito da política universitaria, cabe destacar os seus libros La Universidad Española hoy (1998), La universidad española hacia Europa (1999), La salida del laberinto. Crítica urgente de la Universidad (2001), Contra la contrarreforma universitaria. Crónica esperanzada de un tiempo convulso (2004), La Universidad, corazón de Europa (2008), Bolonia en crisis (2012) e Pasión por la Educación (2023).