Conferencia «Neira Vilas, unha vida de compromiso» de Dolores Vilavedra

Data
Luns, 17 de abril de 2023
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O luns, 17 de abril, ás 19.30h o Ateneo de Santiago, en colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas, ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia titulada «Neira Vilas, unha vida de compromiso», que estará impartida por Dolores Vilavedra, Profesora de Literatura Galega da USC.

Dolores Vilavedra Fernández é profesora titular de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Dende 2019 coordina a Área de Artes e Humanidades da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS) e entre 2015 e 2021 foi coordinadora do programa de doutoramento en Estudos da Literatura e da Cultura. Especialista en narrativa galega contemporánea, exerce habitualmente a crítica literaria en medios especializados e divulgativos. Foi membro do consello de redacción da revista Grial e directora do Anuario de estudos literarios galegos entre 2002 e 2007. Coordinou a elaboración do Diccionario da literatura galega en 4 tomos e entre as súas publicacións salientan Historia da literatura galega (1999), Sobre narrativa galega contemporánea (2000), A narrativa galega na fin de século. Unha ollada crítica (2010), así como a edición de varios epistolarios de escritores e intelectuais galegos (Álvaro Cunqueiro, Carballo Calero) e tamén de obras clásicas (Follas novas, Retrincos, O castelo de Pambre). Tradutora ocasional, realizou versións en castelán de obras de Manuel Rivas e António Lobo Antunes e, en galego, de Pirandello, Amélie Nothomb ou Roberto Cossa. Tras coordinar a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega, en 2015 foi elixida membro do Plenario da institución; dende 2019 ata 2022 foi secretaria da Comisión Executiva e responsable da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais. Forma parte da «Red de estudios sobre la edición iberoamericana RED-EDIT» como responsable da edición galega.

Próximos eventos Ver axenda