ROTEIRO LITERARIO DE MANUEL ANTONIO, CASTELAO E DIESTE (RIANXO)

O sábado, 18 de marzo, o Ateneo de Santiago realizará un roteiro literario por Rianxo arredor das figuras de Manuel Antonio, Castelao e Rafael Dieste, guiado polo escritor Xosé Ricardo Losada, autor da obra Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego.

PROGRAMA:

10.00h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago.

11.00h. Roteiro literario arredor das figuras de Manuel Antonio, Castelao e Dieste.
Discorre polo casco urbano de Rianxo, partindo da Praza de Castelao e percorrendo as Casas de Castelao, Dieste, Cándido, Insua e Aguirre, así como a Biblioteca Castelao, a Igrexa parroquial de Rianxo, a Praza Rafael Dieste, o busto de Castelao ou a graneira do pai de Castelao, entre outros puntos de interese da vila.

13.00h. Visita á Casa Museo Manuel Antonio.
Casa natal do poeta, onde viviu até os dous anos e na que pasou frecuentes tempadas ao longo da súa curta vida. Os tres andares achéganse á figura e á época de Manuel Antonio, conservando diverso mobiliario da familia, así como documentos orixinais e obxectos persoais do autor. No baixo móstrase o Rianxo dos anos 20 mediante unha escolma de fotos antigas tomadas por Xosé Pérez, curmán de Manuel Antonio. No primeiro e segundo andar exponse a vida e obra de Manuel Antonio, xunto con referencias á época na que viviu, tanto dende o punto de vista político, como literario e social.

14.00h. Xantar.

TARDE:

Paseo marítimo cultural.
Distancia: 2,5km.
Percorre o litoral entre o Peirao de Setefogas en Rianxo e a Praia da Torre en Taragoña, constituíndo unha galería aberta dedicada a catro dos grandes autores rianxeiros: Castelao, Manuel Antonio, Rafael Dieste e Brea Segade. No traxecto pódese contemplar a ría e as praias do Pazo e da Torre, observar diversas especies de aves mariñas e atravesar a ponte sobre o esteiro do río Té que pasa sobre os restos do Castelo da Lúa, un antigo castelo medieval situado a carón do mar.

Visita ao Museo de Escultura de Nós Nuco.
Exposición permanente do escultor Robustiano Losada “Nuco” na súa propia casa. Atendido e guiado polo artista, recolle a práctica totalidade da súa produción en pedra, ferro e vidro. De temática próxima á realidade social e con forte inspiración dos grandes autores rianxeiros, son memorables as súas caricaturas e debuxos en metal.

Regreso á Rúa da Rosa de Santiago.  

O prezo da viaxe roldará os 30-35€ por persoa, incluíndo autobús, xantar e visitas, e os cales se aboarán directamente o mesmo día da visita. As persoas que non sexan socias do Ateneo deberán pagar un suplemento de 15€. As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o mércores, 15 de marzo, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as ateneístas.

Próximos eventos Ver axenda