II PREMIO ATENEO CINEDUCA

Data
Martes, 28 de marzo de 2023
Horario
19.00h
Lugar
Teatro Principal de Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade

II MOSTRA INTERNACIONAL DE CINE E EDUCACIÓN (CINEDUCA)

Bases do II PREMIO ATENEO CINEDUCA

Compartir

O martes, 28 de marzo, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programado no Teatro Principal de Santiago de Compostela o acto de clausura da II Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), que incluirá a entrega do II PREMIO ATENEO CINEDUCA e a proxección das seguintes curtametraxes seleccionadas entre as obras presentadas polos centros educativos:
   - SPIDERMAN E EU do CEIP Eusebio da Garda da Coruña
   - CONCIENCIACCIÓN POLO CLIMA do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela
   - LA CHICA DE LA VENTANA do Centro Escolapios de Monforte de Lemos
   - MELLOR DOCENTE DO ANO do IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda

Spiderman e eu, elaborada por alumnos de 3º a 6º de primaria, titorizados polo docente José Manuel Villar Paniagua, nace da crenza de que unir cine e educación pode ser unha ferramenta moi especial e poderosa para, por unha parte poñer en valor o cinema e a emocións que pode despertar, e, por outra, para educar e espertar un espíritu crítico e de reflexión no espectador. Así, o traballo presenta a vida dun neno autista dende un punto de vista metafórico, onde se poñen en valor a igualdade, a integración, a empatía, a convivencia e, sobre todo, o respecto polas diferenzas, poñendo de manifesto que todos somos únicos e extraordinarios. 

ConcienciAcción polo clima, titorizada polas profesoras Alexandra Pacheco e Teresa Varela, achegouse este curso, co alumnado de 4º ESO das materias de Cultura Científica e Lingua Galega, ao ciclo de produción do berberecho dende a súa extracción na ría de Noia ata a súa distribución e venda na Praza de Abastos de Compostela. Un proxecto que busca dar a coñecer ao alumnado a importancia da economía circular e do consumo responsable, ao mesmo tempo que constrúe unha sociedade máis xusta, solidaria e sostible. 

La Chica de la Ventana, realizada por alumnos de 4º da ESO, titorizados polo mestre Javier Saco, é unha curtametraxe de ficción que busca educar en valores coa creatividade como eixo vertebrador. Tributo póstumo á profesora Beatriz Pérez, a través do cal o alumnado vai involucrando progresivamente á comunidade educativa e a outros axentes e espazos da vila e de fóra dela, o filme vai rompendo barreiras anímicas e emocionais, ao tempo que fomenta a capacidade creativa, a cal se reivindica como eficaz mecanismo para potenciar a autoestima e protexernos ante o bullying.

Mellor docente do ano, elaborada por alumnos de 4º da ESO, titorizados polo profesor Xesús Fernández Sulleiro, trátase dun falso documental, formato que axuda a reflexionar dende unha perspectiva crítica sobre certos fenómenos mediáticos propios dos nosos tempos. Así, esta curtametraxe conta como unha reporteira se presenta nun centro de ensino atraída por unha noticia que parece indicar que nese intituto traballa un dos docentes nominado ao mellor do ano. Vai entrevistando a alumnos e alumnas de todos os niveis educativos para deixar que o propio espectador saque as súas propias conclusións, á luz dos testemuños. 

Próximos eventos Ver axenda