Visita guiada á exposición «Camiños creativos» no Museo Centro Gaiás
- Data
- Venres, 10 de febreiro de 2023
- Horario
- 17.00h
- Lugar
- Museo Centro Gaiás
- Máis información
O venres, 10 de febreiro, ás 17.00h o Ateneo de Santiago realizará unha visita guiada á exposición «Camiños creativos», situada no Museo Centro Gaiás.
As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo. A data límite para anotarse é o luns, 6 de febreiro.
Esta mostra explora o vencello entre movemento e arte e afonda en como o desprazamento a pé é determinante no proceso creador. Comisariada pola galega Monserrat Pis Marcos, conservadora do Holburne Museum en Bath, expóñense un centenar de obras do século XVIII ata a actualidade, procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países europeos. Obras de grandes mestres da pintura como J. M. W. Turner, John Constable, Gustave Courbet, Camille Corot, Théodore Rousseau, Carlos de Haes, Joaquín Sorolla, ou os Macchiaioli italianos, convértea nunha das poucas oportunidades de ver en Galicia a obra de dous dos maiores expoñentes da pintura paisaxista británica. Tamén se achega unha destacada escolma da creación contemporánea máis actual, con nomes como os de David Hockney —un dos pintores vivos máis influentes na arte do s.XX— Jeppe Hein —artista danés coñecido polas súas instalacións sensoriais e interactivas—, Cristina Iglesias —unha das artistas españolas actuais con máis recoñecemento internacional, premio de Arquitectura da Royal Academy—, Jesús Rafael Soto —grande figura da arte latinoamericana do s. XX, con obras en coleccións como a do MoMA—, ou Julian Opie —un dos artistas internacionais máis mediáticos das últimas décadas, que ten traballado con bandas como U2 ou Blur—. A interacción e diálogo co público é un dos piares desta exposición e son moitas as obras que precisan da participación das persoas visitantes, procurando a sorpresa, a reacción ou o movemento humano para completar o propio proceso de creación.