Presentación do libro «El horizonte europeo» de Emilio Pérez Touriño

Data
Mércores, 18 de xaneiro de 2023
Horario
19.30h
Lugar
Centro Internacional de Prensa de Galicia (Rúa Nova, 9, Santiago de Compostela)
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Sociedade Civil
Compartir

O mércores, 18 de xaneiro, ás 19.30h, terá lugar no Centro Internacional de Prensa de Galicia (Rúa Nova, 9, Santiago de Compostela), a presentación do libro «El horizonte europeo» de Emilio Pérez Touriño. No acto participarán:
   - Luis Menéndez, Presidente da Asociación de Periodistas de Santiago
   - Manuel López-Rivadulla, Presidente do Ateneo de Santiago
   - Ramón Máiz, Catedrático de Ciencias Políticas da USC
   - Emilio Pérez Touriño, autor da obra

El horizonte europeo ensaia unha reflexión analítica sobre tres "momentos" decisivos dos últimos oitenta anos de historia mundial, que implicaron un fondo cambio de paradigma: 1) a construción dos Estados de benestar en Europa con posterioridade á Segunda Guerra Mundial e o da propia Unión Europea, etapa que supuxo ademais a "época dourada" da socialdemocracia; 2) o que podería denominarse "momento neoliberal", que tras as crises dos anos setenta do pasado século implicou, a partir da década dos oitenta, a hexemonía das ideas e políticas neoliberais, que impulsaron a desregulación e financiarización da economía e significaron o debilitamento da soberanía dos Estados-nación, o crecemento desmesurado da desigualdade, a precarización do traballo e a crise da socialdemocracia, período que culmina coa Gran Recesión de 2008 a 2012; 3) tras a pandemia provocada pola covid-19, ábrese unha nova época que pode supoñer a transformación do capitalismo, co regreso do Estado e o decisivo papel das políticas públicas, cara un modelo máis sostible e inclusivo sustentado por un novo contrato social entre os gobernos, as empresas e os traballadores, cunha sociedade civil máis vigorosa.

Emilio Pérez Touriño (Coruña, 1948), Doutor en Ciencias Económicas e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, onde foi Vicerreitor para Asuntos Económicos, realizou estudos de especialización no Instituto de Investigación e Planificación do Desenvolvemento na Universidade de Grenoble (Francia). Durante a transición democrática participou directamente no proceso do Estatuto de Autonomía de Galicia e nos Pactos do Hostal que o posibilitaron e, posteriormente, foi Subsecretario Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente. A súa liña ideolóxica é galeguista, socialdemócrata e federal, tendo sido Presidente da Xunta de Galicia entre 2005 e 2009. É autor de múltiples estudos sobre asuntos de desenvolvemento rexional e economía agraria no eido da Unión Europea e dirixiu traballos e publicacións en relación coas infraestruturas e o crecemento económico de Galicia. Recibiu a Gran Cruz do Mérito Civil en 1994 e o Premio Nacional de Publicacións Agrarias. 

Próximos eventos Ver axenda