Visita guiada á exposición «Francisco Leiro. O antropomórfico, 1986-2022» no Museo MARCO de Vigo

O venres, 16 de decembro, o Ateneo de Santiago realizará unha visita guiada á exposición «Francisco Leiro. O antropomórfico, 1986-2022», situada no Museo MARCO de Vigo, co seguinte programa:

15.30h-16.00h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago.
17.30h. Visita guiada á exposición «Francisco Leiro. O antropomórfico, 1986-2022».
18.30h. Tempo libre.
19.30h-20.00h. Regreso á Rúa da Rosa de Santiago.

O prezo desta visita é de 10€ para ateneístas e 15€ para as persoas non socias. As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo. A data límite para anotarse é o luns, 12 de decembro.

Comisariada por Miguel Fernández-Cid, a mostra formula unha revisión da obra de Francisco Leiro (Cambados, 1957) ao longo das tres últimas décadas: un traballo centrado no antropomórfico, que é un dos eixes da súa produción. Deixando a un lado calquera sentido ou intención cronolóxica, artista e comisario buscan trazar a relación das obras cos peculiares espazos da planta baixa do MARCO, recorrendo tanto a obras xa realizadas como a pezas de nova produción, específicas para esta mostra. Dende a presenza impoñente da Dama de Navalcarnero, situada no panóptico, as criaturas de Leiro van apropiándose dos espazos da planta baixa. Escorredoiras, Pavitas, Androias, Jaivotas, Homes de pau, Danzantes e Ceboliños poboan as salas, nunha montaxe que permite ir trazando percorridos e descubrindo múltiples conexións entre as pezas, e facilitando o diálogo entre estas e o visitante. Esculturas en granito, bronce e madeira; maquetas e colaxes dialogan coa monumental arquitectura dos patios, co espazo máxico do panóptico, co formato máis tradicional das galerías, e coas salas perimetrais, de modo que o público perciba os distintos xogos de escala e materiais nos que se desenvolve unha das esculturas máis persoais da arte europea desta época.

Próximos eventos Ver axenda