Presentación do libro «De rosa antiga» de Helena Villar Janeiro
- Data
- Mércores, 30 de novembro de 2022
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O mércores, 30 de novembro, ás 19.30h, terá lugar na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación do libro «De rosa antiga» de Helena Villar Janeiro. No acto participarán:
- Helena Villar Janeiro, autora da obra
- Marilar Aleixandre, escritora
- Francisco Castro, Director da Editorial Galaxia
- Marisa Somoza, Directiva do Ateneo de Santiago
De rosa antiga pretende celebrar as vodas de ouro de Helena Villar Janeiro coa poesía (1972-2022); unha escolma que poida ser mostra significativa do que leva dado de si a polifonía dun canto que se iniciou hai cincuenta anos, con Alalás (1972). Poeta serodia e non doada de situar nun grupo establecido, participou no Colectivo Cravo Fondo (1979), cando as mulleres non interviñan nestas experiencias comunitarias, e escribiu un dos primeiros poemarios femininos de contido erótico. Da voz intimista do inicio, a súa obra evolucionou cara a novas temáticas e ritmos, desde a poesía mínima dos inicios, que culminou nos haikus, ata contidos de carácter social ao redor das perspectivas feminista, ecoloxista e solidaria coa dor de todos os exilios.
Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Madrid. Cultivou a poesía e a narración, con atención particular á literatura infantil e xuvenil. Presidiu a Fundación Rosalía de Castro, foi secretaria do Pen Club de Galicia e formou parte do Plenario do Consello da Cultura Galega. É socia de Honra de Gálix (2015) e da AELG, de quen recibiu o E de escritora (2016), e académica correspondente da Real Academia Galega dende 2017. Recibiu, entre outros, os premios de poesía, Xosé Mª Chao Ledo (1990), Eusebio Lorenzo Baleirón (1992), Xacobeo (1994), o accésit do M. González Garcés (1994) e Arume de Poesía Infantil (2003).