Visita guiada á exposición «Deber de Baltar. Medicina e Compromiso» no Colexio de Fonseca

O venres, 25 de marzo, ás 19.00h o Ateneo de Santiago realizará unha visita á exposición «Deber de Baltar. Medicina e Compromiso», situada no Colexio de Fonseca, que estará guiada por Suso de Toro, autor da novela «Un señor elegante», inspiradora da mostra.

As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo. A data límite para anotarse é o mércores, 23 de marzo.

Esta exposición, comisariada por Pepe Barro, achégase á saga familiar de Ángel Baltar, médico-cirurxián con orixe en Padrón, e dous dos seus fillos, os tamén médicos Antonio e Ramón Baltar Domínguez. Alén da vida en Padrón e a orixe da saga, a exposición visita a biblioteca familiar, o Sanatorio que recibiu o nome da familia, o seu labor no Hospital Real, o exilio de Antonio Baltar, o paraíso que a familia construíu en Tanxil e o compromiso cultural e político dos seus integrantes. 

Próximos eventos Ver axenda