Conferencia «Da Xénese á Gloria: novos descubrimentos na Catedral de Santiago» de Francisco Prado-Vilar

Data
Luns, 21 de febreiro de 2022
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compostela
Compartir

O luns, 21 de febreiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada unha conferencia, organizada pola Sección Compostela, titulada «Da Xénese á Gloria: novos descubrimentos na Catedral de Santiago», que estará impartida por Francisco Prado-Vilar, Director do Programa A. W. Mellon para o Pórtico da Gloria.

Na última década produciuse unha revolución no estudo da Catedral de Santiago, tanto dende o punto de vista do noso coñecemento arqueolóxico, iconográfico e programático dos seus conxuntos escultóricos como dos discursos metodolóxicos innovadores que sucitou, colocándoa no centro das discusións máis relevantes na historia da arte a nivel internacional. Nesta conferencia faise un percorrido polos fitos que sinalaron estes avances, facendo fincapé nos descubrimentos máis recentes producidos durante a restauración da cripta do Pórtico da Gloria, como os relevos da Matanza dos Inocentes e outras partes do Coro do Mestre Mateo, que revelan aspectos esenciais para coñecer a conformación dos obradoiros que traballaron a finais do s. XII na Catedral. Estes achados permiten tamén  unha reavaliación da estrutura do Coro mateano, unha das obras máis importantes do seu tempo en Europa, e a articulación de novas propostas para a súa reconstrución.

Francisco Prado-Vilar é Investigador Distinguido da Universidade de Santiago de Compostela, no grupo de investigación de formas culturais Síncrisis. Doutorouse pola Universidade de Harvard e logo exerceu postos investigadores e docentes nas universidades de Princeton, Londres, Complutense e Stanford. Ata a súa recente incorporación á Universidade de Santiago foi director de Proxectos no Real Colexio Complutense de Harvard do que agora é investigador asociado. Foi coordinador do comité científico da restauración do Pórtico da Gloria dende os seus inicios en 2008 e actualmente dirixe o Programa A. W. Mellon para o Pórtico da Gloria, liderando un equipo multidisciplinar de investigadores, arquitectos e científicos en restauración procedentes de varios centros de prestixio de Estados Unidos e Europa. O ano pasado publicou o seu primeiro libro do proxecto, El Pórtico de la Gloria: Arquitectura, materia y visión, que está a disposición do público en versión dixital “open access”, xunto cun avance do seu segundo libro, que inclúe o estudo das policromías do Pórtico.