Conferencia «Xestión forestal sostible en Galicia» de Antonio Rigueiro

Data
Luns, 7 de febreiro de 2022
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente
Compartir

O luns, 7 de febreiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia, organizada pola Sección Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente, titulada «Xestión forestal sostible en Galicia», que estará impartida por Antonio Rigueiro, Catedrático da USC.

Nesta conferencia exporase a situación actual do sector forestal galego para centrarnos logo nos aspectos relacionados coa xestión forestal sostible, que debe atender dun xeito equilibrado aos aspectos económico (produtos madeireiros e non madeireiros), ecolóxico e social, aínda que en Galicia tradicionalmente se vén producindo un desequilibrio cara ao lado produtivista e cunha pobre diversificación das especies forestais madeireiras.

Antonio Rigueiro Rodríguez é Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 1983, adscrito ao Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría. As súas investigacións comezan ao rematar os seus estudos de Enxeñaría de Montes na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes da Universidade Politécnica de Madrid e comezar na Cátedra de Botánica desa Escola, encamiñada á elaboración da súa tese de doutoramento. En 1979 incorporouse ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán, inicialmente cunha bolsa e dende 1981 como investigador funcionario da escola de Titulados Superiores do INIA.  Nesta etapa tamén traballo como profesor na Escola de Capataces Forestais de Lourizán ao tempo que foi conservador do Xardín Botánico de Lourizán e do herbario LOU, desenvolvendo actividade investigadora en principalmente catro liñas: efectos ecolóxicos do cultivo dos eucaliptos, ecoloxía dos montes galegos, botánica e sistemas silvopastorais. Tras un breve paso pola Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en 1988 incorporouse á Universidade de Santiago de Compostela (USC), accedendo á condición de Catedrático en 1993 na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. Ao longo da súa dilatada carreira dirixiu e colaborou en numerosos proxectos de investigación e informes técnicos públicos e privados, publicou máis de 50 libros ou capítulos de libros, máis de 150 artigos, máis de 200 comunicacións en congresos e impartiu numerosas conferencias, seminarios, ciclos... Desempeñou cargos como subdirector da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos de Lugo (1988), subdirector xeral de Universidades e Investigación da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1989-1990), director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos de Lugo (1990-1993), director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (1997-2000), Director do Departamento de Produción Vexetal da USC (2001-2008) e director da Estación Científica do Courel da USC (2013-2020). Actualmente é coordinador do Grupo de Investigación Sistemas Silvopastorais, Presidente da Asociación Forestal de Galicia e da Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume e membro de diversas entidades como a Real Academia Galega de Ciencias, a Sociedade Galega de Historia Natural ou a Sociedad Española de Ciencias Forestales.

Próximos eventos Ver axenda