Conferencia «Erros e éxitos na xestión da Pandemia de COVID-19» de Juan Gestal

Data
Luns, 22 de novembro de 2021
Horario
20.00h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente
Compartir

O luns, 22 de novembro, ás 20.00h o Ateneo de Santiago ten programada unha conferencia, organizada pola Sección Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente, titulada «Erros e éxitos na xestión da Pandemia de COVID-19», que estará impartida por Juan Gestal, Profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC.

Juan Jesús Gestal Otero é Profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidad de Santiago de Compostela (USC), director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, e académico numerario das Reales Academias de Medicina e de Farmacia de Galicia. Entre outras distincións é Doutor Honoris Causa pola Universidade Nacional San Luis Gonzaga de Ica (Perú) e recibiu a Insignia de Ouro da USC en 2017, o nomeamento de Fillo Predilecto e Medalla de ouro da Vila de Muros e a Medalla de ouro da Academia Médico-Cirúrxica de Santiago de Compostela en 2018. Foi Catedrático e Xefe do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Hospital Clínico Universitario de Santiago (1988-2017); Director Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia (1996-1997) e Decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía de Santiago (2011-2017). Licenciado en Medicina pola USC (1964-1970) e Doutor pola Universidade de Navarra (1974), é especialista en Medicina Preventiva e Saúd Pública e en Medicina do Traballo. En 1975 ingresou no Corpo Médico de Sanidade Nacional en prazas de Subxefe Provincial de Sanidade da Coruña (1986-1980) e de director do Centro Secundario de Hixiene e Xefe Local de Sanidade de Santiago de Compostela (1981-1985). Vinculado á docencia dende o 1 de outubro de 1970, ocupou distintos chanzos da carreira docente ata o de Catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC (1988). No ámbito clínico foi Xefe de Sección de Medicina Preventiva do Hospital Juan Canalejo e do Hospital Xeral de Galicia, e Xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Clínico Universitario de Santiago. No ámbito da investigación dirixiu e participou en 35 proxectos de investigación competitivos, coordinou o Programa de Doutorado de Saúde Pública da USC dende a súa posta en marcha nos anos 80, así como o nodo de Santiago do CIBERESP (2007-2017) e o Grupo Plataformas e Metodoloxía do IDIS, e foi membro da Comisión Executiva da Escola de Doutorado Internacional (2014-2017). Tamén dirixiu 51 teses doutorais e é autor de 87 artigos, 28 libros e 48 capítulos noutros libros. Organizou os primeiros másters de Saúde Pública, entre outros, así como Cursos de Especialización en Vacinas. É académico correspondente estranxeiro da Academia Nacional de Medicina de Bos Aires e da Academia de Medicina de Paraguai e membro de honra da Asociación Médica Arxentina, entre outros moitos recoñecementos.