O HARMÓNICO CERTAME. O xenio que viaxa e emigra: Haendel e Domenico Scarlatti (ENRICO BAIANO)

Data
Venres, 8 de outubro de 2021
Horario
20.30h
Lugar
Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
Máis información

Web Ateneo Barroco

Anexos
PROTOCOLO SANITARIO (de obrigado cumprimento)
Compartir

O HARMÓNICO CERTAME
O xenio que viaxa e emigra: Haendel e Domenico Scarlatti
ENRICO BAIANO  clave
Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
Venres 8 outubro 2021
20.30h

Georg Frederick Händel e Domenico Scarlatti coñecéronse en Italia entre 1709 e 1710. Ambos realizaban unha viaxe de formación artística e os dous espertaron gran sorpresa e admiración. Thomas Roseingrave, músico irlandés, escoitou a Scarlatti en Venecia e falou dun virtuosismo case sobrenatural (díxolle a Charles Burney: "semellaba que mil diaños se tiñan sentado ao teclado... se tivera algo axeitado tería cortado as mans... despois de escoitar a Scarlatti non puiden tocar o clave durante un mes"). Aínda en Venecia, o propio Scarlatti descubriu a Haendel tocando enmascarado e exclamou “este é o Saxón ou é o diaño!”.
John Mainwaring, biógrafo de Haendel, di que en Roma o cardeal Ottoboni organizou un duelo musical entre os dous no órgano e no clave. Haendel foi xulgado superior ao órgano; Scarlatti estivo de acordo e declarou que nunca tería imaxinado que o órgano puidera ter tal poder. Pero no clave foron xulgados en pé de igualdade; de feito, alguén prefería a Scarlatti. Segundo as testemuñas, o estilo de Haendel era brillante e enérxico, o de Scarlatti elegante e delicado.
Domenico Scarlatti, como sabemos, tamén foi un virtuoso asombroso e, por outras testemuñas, tamén sabemos que foi un excelente cantante. Sen embargo, os dous tiveron sempre amizade e respecto mutuo.
Ambos os dous establecéronse noutros países e absorberon a cultura das novas patrias: Haendel en Inglaterra, Scarlatti en Portugal e logo en España. Entre os dous, o caso máis interesante é, sen dúbida, o de Scarlatti; asimilou á perfección o espírito e a estética da cultura musical española e inxeriuna na súa formación napolitana e italiana. O resultado é unha linguaxe única pola súa riqueza e variedade.
A gran Chacona que abre o programa presenta ben as principais características do estilo de Haendel. Ábrese a unha escena solemne e maxestosa; despois dunhas variacións cada vez máis rápidas, un repentino cambio de humor lévanos á tonalidade de sol menor, nunha atmosfera triste e chorosa; o sol maior irrompe de novo en escena con variacións impregnadas dun entusiasmo irresistible e a peza remata con acentos grandiosos e triunfantes. A Suite en fa menor ten unha escritura que lembra moito á dos Concerti Grossi italianos e demostra o profundamente que tiña asimilado Haendel o estilo italiano.
Unha enciclopedia en 64 volumes non bastaría para describir as sonatas de Domenico Scarlatti e temos que limitarnos a deixar algunhas pistas. A formación italiana é moi evidente nas sonatas catalogadas (Kirkpatrick) cos números K 3, K 208, K 209 ou K 402. O teatro está sempre presente: K 3 é unha animada escena na que tres personaxes (tres pequenos temas) discuten e pelexan. K 208 é unha aria sublime e lémbranos que Scarlatti foi un gran cantante. K 209 é un concertato, a típica escena brillante final dunha ópera. K 402 podería ser unha grande escena tráxica dunha ópera seria. K 46, 232, 233, 132 e 115 revelan a faciana ibérica de Scarlatti: por unha banda, a melodía intensa, expresiva e patética do Cante Jondo; pola outra, o frenesí do baile, con episodios de “taconeo”, ritmos marcados e violentos “rasgueados” (o K 115, particularmente bárbaro, é unha das pezas máis fragosas da historia do clavecín). Tamén hai citas de procesións de cabaleiros nos xardíns reais (K 132) e alegres fanfarras (K 46). Pero o interesante é que todas estas cousas poden suceder dentro dunha mesma sonata! Isto é o que fai que o estilo Scarlatti sexa tan fascinante: en calquera sonata, calquera cousa pode suceder en calquera momento!
ENRICO BAIANO

PROGRAMA

Georg Frederick Händel
(Halle 1685 - Londres 1759)
Chaconne en sol maior hwv 435

Domenico Scarlatti
(Nápoles 1685 - Madrid 1757)
Sonata K 232 en mi menor (Andante)
Sonata K 233 en mi menor (Allegro)
Sonata K 3 en la menor (Presto)
Sonata K 208 en la maior (Adagio e Cantabile)
Sonata K 209 en la maior (Allegro)

Georg Frederick Händel
Suite VIII en fa menor
(Preludio, attacca: Allegro - Allemande - Courante - Gigue)

Domenico Scarlatti
Sonata K 132 en do maior (Cantabile)
Sonata K 115 en do menor (Allegro)
Sonata K 402 en mi menor (Andante)
Sonata K 46 en mi maior (Presto)

ENRICO BAIANO  clave
Enrico Baiano é un clavecinista e fortepianista napolitano, coñecido na escena internacional como un intérprete virtuoso e rigoroso na música antiga. Enrico Baiano ten gañado numerosos premios internacionais que inclúen o Deutsche Schallplattenpreis, Diapason d'Or, Choc de la Musique, Platte des Monats, etc. Escribiu Method for Harpsichord: A practical guide for Pianists, Organists and Harpsichordists publicado por Ut Orpheus e traducido a catro linguas. Actuou nos máis recoñecidos festivais de música antiga de Europa, Israel e Xapón cun amplo repertorio que vai do século XVI ao XXI. Enrico Baiano é un dos cofundadores do conxunto italiano Cappella della Pietà dei Turchini, co que ten actuado e gravado discos entre 1986 e 2000. Tamén ten actuado regularmente co ensemble contemporáneo napolitano Dissonanzen, con Piccolo Concerto Wien e coa Helsinki Baroque Orchestra. Tomou parte en dous filmes documentais dirixidos por Francesco Leprino: Un gioco ardito: dodici variazioni tematiche su Domenico Scarlatti e Sul nome B.a.c.h.

Próximos eventos Ver axenda