Conferencia «O eterno (e invisible) camiño da voz humana a través do mito. De Arión a Pedro Almodóvar» de Roberto Relova

Data
Luns, 4 de outubro de 2021
Horario
20.00h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Obrigatorio:

Preinscrición en ateneo@ateneodesantiago.gal ata o día 1 de outubro

Uso de máscara en todo momento

Certificado de vacinación

Web Ateneo Barroco

Compartir

O luns 4 de outubro ás 20.00 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela a inauguración do novo curso 2021-2022 coa conferencia «O eterno (e invisible) camiño da voz humana a través do mito. De Arión a Pedro Almodóvar», que estará impartida por Roberto Relova, Doutor en Etnomusicoloxía e Catedrático do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Esta conferencia será o acto de inicio do Festival ATENEO BARROCO de Música Antiga e Barroca, configurándose como unha actividade complementaria ao mesmo, un evento musical que se desenvolverá do 4 ao 22 de outubro en diferentes escenarios do patrimonio compostelán.

As narracións mitolóxicas abordan historias nas que os diferentes camiños e viaxes ofrecen espazos de cambios, mutacións, aventuras e un edificante modelo de aprendizaxe. Estes camiños, ás veces invisibles e incluso mudos, observan a propia esencia da narración e da música. Sumando a iconografía, condúcennos aos eternos retornos que, de xeito sistemático, volven á mente do ser humano en continua transformación. Son as ideas e os camiños os que provocan a evolución do ser humano. As viaxes e os camiños de Orfeo e Arión de Lesbos son diferentes paisaxes do poder das paixóns que chega até a idade contemporánea a través de múltiples visións e interpretacións. A voz humana como instrumento perfecto ilumina a visión máxica destas historias nas que a procura da perfección se achega a realidades extremas. Mensaxe e mensaxeiros, dor, esquecemento, abandono, traizón. A voz, dun xeito ou de outro, transmítenos a máis sincera radiografía da nosa alma, do noso interior. Para comprendelo precísase todo un tratado das paixóns e que alguén te queira ouvir e incluso escoitar. As figuras de Farinelli, Adolphe Nourrit, Gilbert Duprez, Pauline Viardot, entre outras, vincúlanse a través do invisible fío dos camiños e dos diferentes destinos. Pero, sen dúbida, atopamos fermosas escusas para reflexionar acerca de mitos, música, iconografía e cine. 

Roberto Relova Quinteiro, Catedrático de Etnomusicoloxía no Conservatorio Superior de Música de Vigo, é actualmente o Director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. É autor da tese A música clásica e a narración fílmica na obra de Pedro Almodóvar (Universidade de Vigo). Colabora con Codalario e con La Voz de Galicia. É membro do comité de honra de Juventudes Musicales de España. Finalizou os seus estudos musicais e a licenciatura en Arte Moderna e Contemporánea en Santiago de Compostela, baixo a dirección de José López Calo. A súa tese doutoral foi dirixida por Anna Amoros (Uvigo) e Ángel Luis Hueso (USC). Participou en cursos, congresos e seminarios internacionais relacionados coa música, pedagoxía, musicoloxía, composición, cine, arte, símbolos, muller, ópera e dereitos humanos en Salamanca, Granada, Madrid, Melilla, Santiago de Compostela, Dublín, Damasco, Roma, Nova Iork, A Habana, etc. Foi profesor invitado da Universidade de Santiago de Compostela no bienio 1989-1991. Actualmente e dende 1999 dirixe e imparte os cursos de ópera na Universidade de Vigo e colabora co programa Opera Oberta do Liceo de Barcelona (cursos de ópera vía internet para todas as universidades do mundo). Foi vicepresidente e membro fundador da Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza e en 2005 foi elixido presidente da asociación Amigos da Ópera de Vigo. Dirixiu dende a súa creación no ano 2000 o prestixioso Festival de Música de Vigo Are More. Colaborou con diferentes festivais e institucións como o Festival Mozart da Coruña, Festival Xacobeo, Auditorio de Galicia, Festival de Música Cidade de Lugo ou as Xornadas de Música Contemporánea da Universidade de Santiago (como relator sobre a obra de Xan Viaño).

Próximos eventos Ver axenda