O xoves, 23 de setembro, o Ateneo de Santiago realizará unha visita a Sada e Meirás, que inclúe o seguinte:

9.30h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago.

MAÑÁ:

Igrexa de Santa María de Cambre
A fundación do Mosteiro remóntase ao século IX. A súa construción actual data dos últimos anos do século XII e principios do XIII. Na actualidade é Monumento nacional dende 1931, despois de que a historia lle deixara as súas marcas, fundamentalmente en época de Drake e durante a Guerra da Independencia. Igrexa de tres naves con transepto e xirola. Destaca pola súa cabeceira de cinco ábsidas.

Mosteiro de San Salvador de Bergondo
Mosteiro beneditino do século XII, con certas semellanzas con Cambre. No século XV sofre unha restauración con elementos góticos. A cabeceira ten tres ábsidas e unha capela adosada reconstruída no século XX despois de ser afectada por un raio. É propiedade privada da familia Aldao.

Complexo industrial O Castro
Iniciado como taller cerámico por Isaac Díaz Pardo en 1949 no lugar onde anteriormente existía un castro celta, O Castro de Samoedo, incorpora en 1960 unha nova planta. No complexo atópanse tamén o Museo Carlos Maside, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe (Fundación Isidro Parga Pondal), unha fonte adicada ao centenario do nacemento de Castelao realizada polo ceramista Francisco Pérez Porto e a Pía do Loureiro (piscina cun deseño de polbos de Luis Seoane). Nos seus arredores tamén se sitúan o Pazo Castro de Samoedo, edificio dos séculos XVII-XVIII, de planta rectangular en forma de “L”, e a Capela do Castro, con escudo de armas e cruceiro.

Comida en A Terraza de Sada
Edificio modernista do arquitecto Antonio López Hernández, construído orixinalmente en 1912 nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña e trasladado á súa situación actual en Sada en 1919-1920. Declarado BIC na categoría de Monumento, destacan os seus ventanais de madeira e vidro policromado e unha serie de cerchas forxadas, de clara inspiración “Art Decó”, con forma de cicloide.

TARDE:

Paseo libre pola zona marítima de Sada

Xardíns do Pazo de Meirás
Mandado construír por Emilia Pardo Bazán a finais do século XIX sobre as ruínas dunha antiga fortificación, o Pazo de Meirás foi declarado Ben de Interese Cultural en 2008. Na visita ofrecerase unha explicación xeral sobre a orixe e evolución da finca, cos dous momentos importantes (época de Pardo Bazán, coa construción das torres, e a partir de 1938, como uso de residencia de verán de Franco), as fachadas principais das Torres, o Hall (dende onde se divisa a Biblioteca de Pardo Bazán), a Capela, a Granxa de Meirás e percorrido polo resto dos xardíns (o cocoteiro de Chile, árbore singular, bosque de bambús e paseo dos magnolios) ata chegar á casa de Xosefa Portela, acabando a visita no Monólito conmemorativo da visita dos Reis en 1927, para despois deixar uns minutos de percorrido libre.

O prezo da viaxe estará arredor dos 40€ por persoa, incluíndo autobús, comida e visitas, e os cales se aboarán directamente o mesmo día da visita. As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o sábado, 18 de setembro, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude. O número de prazas dispoñibles é limitada polo que terán preferencia de admisión os ateneístas que non asistiron á anterior excursión (Betanzos) e, posteriormente, os demais socios/as por orde de inscrición.

Próximos eventos Ver axenda