O martes, 25 de maio, o Ateneo de Santiago realizará unha visita a Ferrol, que inclúe o seguinte:

MAÑÁ:

Museo Naval de Ferrol
Situado dentro da base Naval de Ferrol, no edificio histórico do Arsenal de estilo barroco-neoclásico coñecido como “Presidio San Campio”, conta con máis de 2.650 pezas relacionadas coa actividade da Armada, a súa relación con Ferrol e a historia naval e marítima de España. No exterior hai unha extensa colección de áncoras, considerada das mellores do mundo, e no seu interior destacan a fragata “Santa María Magdalena” (de 34 canóns), o buque-escola “Galatea”, o navío “San Carlos Real de España”, o “Atlas Marítimo de España” de Tofiño, "El Galeón de Manila" (ruta comercial entre Filipinas, México e España), a entreponte a escala real do navío "Nuestra Señora del Pilar de Zaragoza", as naos da descuberta de América e o "San Juan Nepomuceno”, entre outros.

Percorrido polo Modernismo ferrolán: barrio da Magdalena
O Modernismo ferrolán fusiona o racionalismo urbano da época ilustrada e as construcións modernistas do século XX, levantadas fundamentalmente entre os anos 1900 e 1925. A súa principal característica é a importancia dada á galería, non só na utilidade material senón tamén como un singular elemento decorativo da fachada.

Teatro Jofre
Inaugurado en 1892, é unha das máis importantes obras da arquitectura teatral da España do XIX. Despois de ser vendido á empresa Fraga en 1919, encárgaselle ao arquitecto municipal Rodolfo Ucha Piñeiro unha reforma para dotalo dunha nova fronte e proporcionar ao edificio un impoñente aspecto de moderno palacio urbano. De modernista fachada, inundada por enormes ventanais, e rica decoración propia dos teatros barrocos italianos da época decimonónica, leva unha tripla división horizontal: baseamento, corpo principal de dobre altura e cornixa. O seu interior, en forma de ferradura, o que lle outorga unha acústica perfecta, está decorado ao estilo clasicista do século XIX.

Traslado en barco a Mugardos. Comida.

TARDE:

Visita en barco pola ría (Castelos de San Felipe e A Palma). Desembarco en Ferrol.

Recepción no Ateneo Ferrolán
O Ateneo Ferrolán, unha das institucións culturais máis antigas da cidade de Ferrol, está situado nun edificio histórico do século XVIII (1762), un dos máis representativos do Barrio da Magdalena. Magnificamente restaurado polos arquitectos Alfredo Alcalá e Francisco Iglesias e habilitado para albergar a súa sede social, inaugurada en 1986, os seus balcóns de ferro forxado, de gusto rococó, son o elemento decorativo e expresivo do elevado rango desta edificación. Conta con 3 plantas, na última das cales se sitúa a única hemeroteca da comarca.

Como consecuencia da pandemia do coronavirus e para unha maior seguridade, os traxectos realizaranse en vehículos particulares. Aquelas persoas que non dispoñan de coche deberán comunicalo. O prezo da viaxe estará entre os 30-35€ aproximadamente, os cales se aboarán directamente.

As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.com ata o domingo 23 de maio, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude. O número de prazas dispoñibles é limitada polo que serán adxudicadas por orde de solicitude con preferencia para os/as socios/as do Ateneo.

Próximos eventos Ver axenda