Visita guiada á exposición «As miradas de Isaac» do Museo Centro Gaiás

O xoves 11 de marzo ás 11.00 horas o Ateneo de Santiago realizará unha visita guiada gratuíta á exposición do Museo Centro Gaiás «As miradas de Isaac».

As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.com, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo.

As miradas de Isaac é a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo despois do seu falecemento (o 5 de xaneiro de 2012) e lévase a cabo facéndoa coincidir co centenario do seu nacemento (22 de agosto de 1920) para poñer de relevo o seu importante papel na historia de Galicia como responsable de aportacións tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.

Comisariada polos seus fillos, Xosé e Camilo Díaz, a mostra conta con 263 obras de arte, fotografías, publicacións, murais, audiovisuais e obxectos persoais que reconstrúen a súa vida de entrega a Galicia, dende a pintura, a cerámica, o deseño, a escritura e a iniciativa empresarial.

Máis información

Próximos eventos Ver axenda