Visita guiada á exposición «Galicia, de Nós a nós» e paseo polos espazos verdes do Gaiás

Data
Martes, 15 e sábado, 19 de decembro de 2020
Horario
12.00h
Lugar
Museo Centro Gaiás
Ateneo Viaxeiro
Compartir

O martes, 15 e o sábado, 19 de decembro ás 12.00 horas o Ateneo de Santiago realizará sendas visitas guiadas gratuítas á exposición do Museo Centro Gaiás “Galicia, de Nós a nós”. A continuación, se a climatoloxía o permite, realizarase un pequeno paseo polos espazos verdes da contorna do Museo.

As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse, indicando a data elixida, no enderezo ateneo@ateneodesantiago.com, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo.

Galicia, de Nós a nós reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na mostra máis completa e ambiciosa sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles do outono de 2020, no que se conmemora o centenario da publicación da revista Nós. O Museo Centro Gaiás exhibe obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega.

Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Trabazo, a mostra permite contemplar obras que foron obxecto de estudo da revista, como o Santiago de Morlaix, o Cristo de Santa Eufemia de Ambía, os esmaltes de Limoges da Catedral de Ourense, o puñal de Beluso, ou a estela de Florderrei Vello. Ademais, reúne por vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estatutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, suscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre os protagonistas, que permiten rastrexar o devir da publicación.

Máis información

Próximos eventos Ver axenda