Conferencia «Rodríguez Cadarso, un reitor para un país» de Darío Villanueva

O luns 3 de febreiro ás 20.00 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia organizada pola Sección Compostela sobre Cadarso, que estará impartida polo Profesor Darío Villanueva, Catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC, e estará presentada por Juan Casares, Catedrático de Enxeñaría Química da USC.

O conferenciante falará da figura de Alejandro Rodríguez Cadarso, médico e político de Noia, que foi asemade reitor da Universidade de Santiago de Compostela, tempo durante o que inaugurou as residencias universitarias que existen nos campus, e deputado pola ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma). Foi o fundador do Instituto de Estudos Portugueses e deputado das Cortes pola Coruña.

Darío Villanueva é Licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade Autónoma de Madrid. Catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela, de cuxa Facultade de Filoloxía foi decano entre 1987 e 1990, é correspondente da Academia Argentina de Letras, da Academia Nacional de Letras de Uruguay, da Academia Cubana de la Lengua, da Academia Hondureña de la Lengua e da Academia Norteamericana de la Lengua Española así como académico honorario da Academia Colombiana de la Lengua. Ademais, é Doutor Honoris Causa por doce universidades de Arxentina, Estados Unidos, Perú, Reino Unido, Suecia, Nicaragua, Ecuador, España e Honduras. Foi Reitor da USC entre 1994 e 2002, período no que desempeñou unha das vicepresidencias da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e a presidencia da Rede de Bibliotecas Universitarias (REBIUN). Formou parte do Consello de Administración do PORTAL UNIVERSIA S. A. e creou UNIRISCO GALICIA S. C. R., primeira sociedade de capital risco para financiar proxectos baseados na transferencia de coñecemento da universidade á empresa. Actualmente é membro do patronato e director do consello científico da Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes e presidente de honra da Sociedad Española de Literatura General y Comparada. Pertence á Asociación Internacional de Hispanistas, á Sociedad Española de Semiótica, á Twentieth Century Spanish Association of America e á Internacional Association of Comparative Literature. Villanueva é Director da Real Academia Española dende 2014 e presidente nato da Asociación de Academias de la Lengua Española (ASALE), segundo se recolle nos estatutos desta organización, creada en México en 1951.