Novas

Exposición "Carlos Maside. Patrimonio de Galicia"

Compartir
O Concello de Santiago  e a Fundación Eugenio Granell acollerán, na sede desta última, as obras do Legado Maside,  adquiridas polo Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, coa mostra da exposición "Carlos Maside. Patrimonio de Galicia".

Carlos Maside é unha das persoas que Granell lembra e admira no seu libro Memorias de Compostela. “Visión orlada por estrellas, islas, árboles y antorchas”. Conta Granell, nestas Memorias,  que o seu irmán Mario, discípulo de Camilo Díaz Baliño, foi animado por “Carlos Maside, que era o pintor máis colorista na súa arte entre os que había en Santiago”, a realizar  unha exposición na Rúa do Vilar en 1928.

A exposición deste grande artista, no surrealista,  enmárcase dentro das actividades que a Fundación Granell  leva anos realizando, como as maratóns de lectura de escritores daquela época (principios do século XX), aos que Granell coñecía e admiraba, como: Antón Avilés de Taramancos, Manuel Lugrís, Valle-Inclán, Manuel Antonio, Antón Fraguas e, este ano 2020,  Carvalho Calero. Para Granell esa época da República que lle tocou vivir foi como un Século de Ouro en Galicia.

A exposición pódese visitar na Sala Philip West da Primeira planta do museo ata o 31 de decembro de 2020 en horario de martes a venres de 11.00 a 14.00h e de 16.00 a 20.00h e sábados de 11.00 h a 14.00h (domingos, luns e festivos estará pechada).