Novas

Exposición "A voz presente" de AGAL

Compartir

A mostra, comisariada por Carlos Quiroga e Xosé Luís Rodríguez, foi deseñada e promovida por Ouvirmos S.L. co obxectivo de difundir e poñer en valor as dimensións artística, humana e intelectual de Ricardo Carvalho Calero.





Os cinco primeiros paneis da mostra presentan unha liña do tempo con datos relativos ao percorrido vital do autor, os espazos onde este se desenvolveu, as circunstancias políticas que o rodearon e a súa obra. A continuación, outros cinco paneis céntranse en cadanseu aspecto da súa figura e do seu legado. O primeiro deles aborda o seu traballo como filólogo e divulgador, tanto da literatura como da lingua galega. O segundo, “A obra”, ocúpase da súa faceta de creador literario. “Lugares vitais” analiza a súa relación con Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela. “Reintegracionista” ocúpase da súa posición con respecto á norma ortográfica do galego, en tanto que “Intelectual honesto” mostra a súa actitude vital independente, crítica e comprometida ao longo dos anos. Tal e como o título da exposición indica, procurouse que fose o propio autor homenaxeado quen –a través de citas de obras literarias, artigos, entrevistas concedidas...- falase directamente de si mesmo e da súa obra.





A exposición en formato físico iniciará a súa itinerancia por varios puntos de Galicia e de Portugal cando as circunstancias motivadas pola Covid-19 o permitan. Polo momento, aquí poden verse os paneis que a compoñen en formato dixital.