Novas

Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación 2020 do Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral

Compartir

A Fundación Laboral da Construción de Galicia convoca unha nova edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación (Cegor), a segunda en colaboración co Consorcio de Santiago. Os destinatarios desta formación son profesionais, técnicos e xefes de obras de rehabilitación que necesitan adquirir, ou actualizar, os seus coñecementos en materia de conservación, restauración e rehabilitación.





Deseñado e coordinado polo arquitecto Ángel Panero Pardo, o curso ten como obxectivo dar a coñecer as particularidades das obras de rehabilitación de edificios protexidos, con planteamentos de sustentabilidade e respeto patrimonial. Os alumnos poderán coñecer as claves da xestión completa dunha obra de rehabilitación, grazas a un completo plantel de expertos en cada área que compartirán a súa experiencia e achegarán o día a día da súa profesión.





Prazo de inscrición: ata o 27 de maio





Este curso desenvolverase en modalidade mixta, compaxinando as sesións presenciais de cada módulo coa participación na plataforma de teleformación. Das 300 horas que o compoñen destínanse 170 ás sesións presenciais e 130 a formación on line.





Con todo, debido ao estado de alarma decretado en España ante a situación de emerxencia sanitaria pola Covid-19, a parte presencial iniciarase mediante unha "Aula virtual", postergando as sesións prácticas -que polo seu carácter deben ser presenciais- cara ao final da acción formativa ou cando as condicións así o permitan.





De tal forma, está previsto que as clases presenciais se realicen no Centro de Referencia de Formación en Materia de Rehabilitación que a Fundación Laboral ten en Santiago de Compostela (Pontepedriña de Arriba), pioneiro en España con ese obxectivo e destinado, de forma específica, á formación especializada e reciclaxe de traballadores, técnicos e empresas da construción cara á rehabilitación. A asistencia presencial ás clases concretarase durante o curso.





Plantel docente de máis de 30 expertos





O Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación (Cegor) impartirase dende o próximo 29 de maio ata mediados do mes de novembro de 2020. Máis de 30 expertos e profesionais de recoñecido prestixio integran o plantel docente, e o número máximo de alumnos que poderán inscribirse é de vinte.





A formación estrutúrase en catro módulos:




Xestión administrativa
Xestión económica
Materiais e técnicas
Instalacións e eficiencia enerxética




Dossier
Requisitos de admisión
Ficha de inscrición
Máis información: 981 983 536