Novas
Festival Ateneo Barroco 2026
A oitava edición do Festival de Música Antiga e Barroca Ateneo Barroco celebrarase do 6 ao 20 de outubro de 2026
- Compartir
INSTRUMENTAL #2
de instrumentos, mestres, intérpretes, novos e vellos estilos, improvisacións, voces, idiomas, homenaxes, xéneros e viaxes
Cores, timbres, formas, materiais, épocas, imaxes, técnicas, estilos… os instrumentos teñen sido cómplices da creación, vehículos de emoción, inspiradores de obras, transmisores de sentimentos, ferramentas de traballo, música de músicos… Con tan rica e fermosa fonte de inspiración, tan apaixonante e sólida base de traballo, e sen esquecer a ese outro menos tanxible instrumento que o intérprete leva consigo sempre enriba, a voz, construímos a programación de dúas edicións consecutivas, a sétima e a actual oitava, do festival Ateneo Barroco. “INSTRUMENTAL” é o título común ás programacións dos Ateneos Barrocos 2025 e a presente 2026, festival que dende a súa creación en 2019 propón cada ano unha nova perspectiva de achegamento ao vasto e riquísimo mundo da música antiga e barroca, nunha constante busca por ofrecer puntos de vista e de reflexión, de abordaxe e descubrimento, que contribúan ao coñecemento e difusión deste magno patrimonio musical e cultural.
O Ateneo de Santiago ten preparada a oitava edición do Festival Ateneo Barroco para o mes de outubro de 2026. Neste proxecto de programación que titulamos “INSTRUMENTAL” e arrancou na edición 2025 do festival, un ou dous instrumentos, ou familias de instrumentos, adquiren una presenza especial e esencial en cada concerto. Se na edición de 2025, o público puido descubrir instrumentos como a musette ou o pardessus de viole (na actualidade “rarezas” que gozaron de difusión e popularidade no seu momento), as peculiaridades de instrumentos barrocos (óboe, frautas de pico, traverso, etc.) con respecto aos seus irmáns modernos, a rica variedade da familia dos laúdes, etc.; nesta edición 2026 poderá descubrir máis instrumentos pouco comúns na actualidade como o quintón ou o colascione, á familia das violas de roda e zanfonas barrocas, as diferenzas entre o fagot ou o violín barrocos con respecto aos actuais, a transcendencia da voz como instrumento no Barroco, a variedade da liñaxe das violas da gamba ou a transcendencia e características técnicas do clavecín.
Estruturado en seis concertos, de diversas e ilustrativas temáticas, cada un dos concertos do Festival Ateneo Barroco 2026, dous presentados en primicia no festival, suporá unha experiencia musical única e completa avalada pola calidade dos músicos e a excelencia das músicas seleccionadas, onde tamén se poderá admirar o patrimonio cultural e artístico da cidade: teatros e salas de concerto, igrexas e espazos singulares como o Teatro Principal, o Paraninfo da Universidade, o Salón Teatro, o cinema Numax, a Capela do Parador Hostal dos Reis Católicos ou a Igrexa da Universidade. Como cada ano, o festival Ateneo Barroco fai unha coidadosa selección de intérpretes cunha numerosa e salientable presenza de artistas galegos, compartindo cartel con músicos nacionais e internacionais, todos artistas de singular relevancia, calidade, xenio e rigor na súa traxectoria. Aos conxuntos galegos Resonet, Ars Atlántica e Arc & Volta, que dirixen Fernando Reyes, Manuel Vilas e Xurxo Romaní, respectivamente, únense músicos e artistas da categoría e experiencia de Lina Tur Bonet, Bertrand Cuiller, Raquel Mendes ou Fahmi Alqhai e o seu conxunto Accademia del Piacere, nunha oitava edición do Ateneo Barroco na que músicos galegos, como Mercedes Hernández e Pablo Seoane, teñen protagonismo como solistas.
O Festival Ateneo Barroco atesoura tanto coherencia e unidade de programación como unha sobresaínte variedade no que a estilos e xéneros musicais se refire e que abarca unha programación que inclúe música para teclado, música de cámara, sonatas, suites e danzas, ópera, madrigais e cancións, música sacra, cortesá e tradicional, etc. Como cada ano, as interrelacións, conexións e proximidade de todos os programas dos seis concertos do Festival Ateneo Barroco poderían incluso facer difícil a elección dunha das múltiples temáticas e perspectivas entre as que se podería abordar a explicación do programa no seu conxunto. Esta multiplicidade de posibles perspectivas está enriquecida e aproveitada ao máximo no deseño das actividades complementarias do festival, un apartado formativo e divulgativo concibido para contribuír a enriquecer a experiencia e o coñecemento do público, de cuxa transcendencia somos particularmente conscientes e que medra cada edición, incluíndo actividades complementarias como conferencias (nesta oitava edición a cargo de Stefano Russomano, musicólogo, escritor e director da prestixiosa revista Scherzo), charlas e encontros cos músicos e os seus instrumentos, un ciclo de cinema, documental e música, e, por terceiro ano consecutivo, conta co seu propio club de lectura e programa sesións de improvisación musical, nas que o festival se abre a outros públicos e perspectivas de interpretación e da que son protagonistas os músicos da escena musical local e galega, nesta oportunidade o experimentado e polifacético compositor, pianista, escritor, filósofo e profesor Pablo Seoane.

ACCESO Á VENDA
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
CLUB DE LECTURA ATENEO BARROCO
(necesaria inscrición en ateneo@ateneodesantiago.gal)
JESÚS RUIZ MANTILLA
YO, FARINELLI, EL CAPÓN
Sesión moderada por CARLOS VALDÉS
Ateneo de Santiago (Praza de Salvador Parga, 4 - 2º)
Xoves 8 outubro 2026
18.00h
HÉLÈNE GESTERN
555
Sesión moderada por OLAIA TUBÍO / MARÍA VILLAMARÍN
Numax Libraría (Rúa Concepción Arenal, 9)
Xoves 15 outubro 2026
18.00h
Próximamente máis actividades complementarias
