Novas

Festival Ateneo Barroco 2025

A sétima edición do Festival de Música Antiga e Barroca Ateneo Barroco celebrarase do 8 ao 22 de outubro de 2025

VENDA DE ABONOS E ENTRADAS

Compartir

 

INSTRUMENTAL #1
de instrumentos, mestres, intérpretes, redescubrimentos, influencias, colonizacións e guerras musicais, voces, estilos, homenaxes, viaxes e xéneros

Cores, timbres, formas, materiais, épocas, imaxes, técnicas, estilos… os instrumentos teñen sido cómplices da creación, vehículos de emoción, inspiradores de obras, transmisores de sentimentos, ferramentas de traballo, música de músicos… E nos dous próximos outonos, e sen esquecer a ese outro menos tanxible instrumento que o intérprete leva consigo sempre enriba, a voz, vannos axudar a construír a programación das dúas próximas edicións, a sétima e a oitava, do festival Ateneo Barroco. “INSTRUMENTAL” será o título común ás programacións dos Ateneos Barrocos 2025 e 2026, festival que dende a súa creación en 2019 propón cada ano unha nova perspectiva de achegamento ao vasto e riquísimo mundo da música antiga e barroca, nunha constante busca por ofrecer puntos de vista e de reflexión, de abordaxe e descubrimento, que contribúan ao coñecemento e difusión deste magno patrimonio musical e cultural.

O Ateneo de Santiago ten preparada a sétima edición do Festival Ateneo Barroco para o mes de outubro de 2025. Neste proxecto de programación que titulamos “INSTRUMENTAL” e arranca nesta edición de 2025 do festival, un ou dous instrumentos, ou familias de instrumentos, adquiren una presenza especial e esencial en cada concerto. O público poderá descubrir instrumentos como a musette ou o pardessus de viole (na actualidade “rarezas” que gozaron de difusión e popularidade no seu momento), as peculiaridades de instrumentos barrocos (óboe, frautas de pico, traverso, etc.) con respecto aos seus irmáns modernos, a rica variedade da familia dos laúdes, a transcendencia e personalidade do clavecín, etc.

Estruturado en seis concertos, de diversas e ilustrativas temáticas, cada un dos concertos do Festival Ateneo Barroco 2025, dous presentados en primicia no festival, suporá unha experiencia musical única e completa avalada pola calidade dos músicos e a excelencia das músicas seleccionadas, onde tamén se poderá admirar o patrimonio cultural e artístico da cidade: teatros e salas de concerto, igrexas e espazos singulares como o Teatro Principal, o Paraninfo da Universidade, o Salón Teatro, o cinema Numax, a Capela do Parador Hostal dos Reis Católicos ou a Igrexa da Universidade. Como cada ano, o festival Ateneo Barroco fai unha coidadosa selección de intérpretes cunha numerosa e salientable presenza de artistas galegos, compartindo cartel con músicos nacionais e internacionais, todos artistas de singular relevancia, calidade, xenio e rigor na súa traxectoria. Aos conxuntos galegos Ars Atlántica, Camerata Boccherini e Capela Compostelana, que dirixen Manuel Vilas, Massimo Spadano e Francisco Luengo, respectivamente, únense músicos e artistas da categoría e experiencia de María Espada, Enrike Solinis, Kenneth Weiss, Paolo Grazzi ou Anna Margules, nunha sétima edición do Ateneo Barroco na que músicas galegas, como Nadia Vázquez e Carmen Ferreiro, teñen protagonismo como solistas.

O Festival Ateneo Barroco atesoura tanto coherencia e unidade de programación como unha sobresaínte variedade no que a estilos e xéneros musicais se refire e que abarca unha programación que inclúe música para teclado e para corda pulsada, música de cámara, concertos, suites e sonatas, música sacra, etc. Como cada ano, as interrelacións, conexións e proximidade de todos os programas dos seis concertos do Festival Ateneo Barroco poderían incluso facer difícil a elección dunha das múltiples temáticas e perspectivas entre as que se podería abordar a explicación do programa no seu conxunto. Esta multiplicidade de posibles perspectivas está enriquecida e aproveitada ao máximo no deseño das actividades complementarias do festival, un apartado formativo e divulgativo concibido para contribuír a enriquecer a experiencia e o coñecemento do público, de cuxa transcendencia somos particularmente conscientes e que medra cada edición, incluíndo actividades complementarias como conferencias (nesta sétima edición a cargo da musicóloga galega Beatriz Cancela), charlas e encontros cos músicos e os seus instrumentos, un ciclo de cinema, documental e música, e que, dende o pasado ano, conta co seu propio club de lectura e programa sesións de improvisación musical, nas que o festival se abre a outros públicos e perspectivas de interpretación e da que son protagonistas os músicos da escena musical local e galega, nesta oportunidade o talentoso pianista Alejandro Vargas, quen, nas case dúas décadas de residencia en Santiago de Compostela, se converteu nunha referencia imprescindible no eido do jazz, a creación contemporánea e a improvisación.

ACCESO Á VENDA

 

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS


CONFERENCIA
Da expresión dos afectos á independencia instrumental: a escritura idiomática do Barroco
BEATRIZ CANCELA
Rúa do Vilar, 19
Luns 13 outubro 2025
19.30h


CINEMA, DOC, MÚSICA…
THE QUEST FOR TONEWOOD (Na busca do violín perfecto)
Hans Lukas Hansen. Documental, 83’. Noruega, 2021
Presenta: José Víctor Carou
Numax (Rúa Concepción Arenal, 9)
Sábado 11 outubro 2025
17.15h
Venda de entradas a partir do 1 de outubro en www.numax.org: 
           4€  (abonados Numax e abonados Festival Ateneo Barroco)
           5€ (maiores de 65 anos, menores de 18 anos, estudantes menores de 25 anos, desempregadas e carné xove)
           6€ (público xeral)


CLUB DE LECTURA ATENEO BARROCO
(necesaria inscrición en ateneo@ateneodesantiago.gal)

HARRIET CONSTABLE
LA VIOLINISTA
Sesión moderada por CARLOS VALDÉS
Ateneo de Santiago (Praza de Salvador Parga, 4 - 2º)
Xoves 9 outubro 2025
18.00h

HELENA ATTLEE
EL VIOLÍN DE LEV
Sesión moderada por OLAIA TUBÍO / MARÍA VILLAMARÍN
Numax Libraría (Rúa Concepción Arenal, 9)
Mércores 22 outubro 2025
18.00h

 

IMPROVISANDO 
FRACTAIS SONOROS
ALEJANDRO VARGAS  piano / Organ Sound
Parador Hostal dos Reis Católicos
Sábado 18 outubro 2025 
20.30h

 

INSTRUMENTOS, XÉNEROS E CONTEXTOS

Instrumentos, xéneros e contextos #1
ÓBOE BARROCO, TRIOSONATAS E SOLISTAS
PAOLO GRAZZI
Teatro Principal
Mércores 8 outubro 2025
20.00h

Instrumentos, xéneros e contextos #2
A MUSETTE, REDESCUBRINDO UN INSTRUMENTO ESQUECIDO
NADIA VÁZQUEZ
Teatro Principal
Venres 10 outubro 2025
20.00h

Instrumentos, xéneros e contextos #3
O CLAVECÍN, O LEGADO DE WANDA LANDOWSKA
KENNETH WEISS
Salón Teatro 
Martes 14 outubro 2025
20.00h

Instrumentos, xéneros e contextos #4
LECCIÓNS DE TEBRAS DE DELALANDE, ESTILO VOCAL
MARÍA ESPADA
Igrexa da Universidade
Venres 17 outubro 2025
20.00h

Instrumentos, xéneros e contextos #5
PARDESSUS DE VIOLE, “O VIOLÍN DAS VIOLAS”
FRANCISCO LUENGO
SalónTeatro
Martes 21 outubro 2025
20.00h

Instrumentos, xéneros e contextos #6
LAÚDES, AS CORDAS PULSADAS DO BARROCO
ENRIKE SOLINIS
Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
Mércores 22 outubro 2025
20.30h